Ruta Xacobea - omarfeitotradicion
Esta ruta marítimo-fluvial pola Ría de Arousa e o río Ulla conmemora a chegada a Galicia, por mar, do corpo do apóstolo Santiago O Maior, logo do seu martirio en Xerusalén no ano 44. Santiago foi pescador de Galilea, apóstolo de Cristo, evanxelizador de Occidente e protomártir do colexio apostólico. Herodes ordenou o seu asasinato no ano 44.
Antigas tradicións cristiás, reformadas por textos medievais, aseguraron que despois do martirio, algúns discípulos de Santiago recolleron o seu corpo decapitado e trasladárono a través de todo o Mediterráneo e da costa atlántica ibérica ata Iria Flavia, nos arredores da actual vila de Padrón. A travesía fixérona na célebre 'barca de pedra', que sería quizais unha das naves aviadas para o transporte de minerais que unían Galicia con outras zonas do Imperio Romano. Na igrexa de Santiago de Padrón consérvase o Pedrón. A tradición conta que foi nesa pedra onde se amarrou a barca do Apóstolo logo da longa viaxe.
Os dous discípulos que acompañaron o corpo de Santiago ata Galicia, Teodoro e Atanasio, tiveron que andar listos para se enfrontar coa tenacidade da raíña Lupa e a furia dos romanos acantoados na cidade de Dugium (preto de Fisterra). Co carro de bois que portaba o corpo do Apóstolo, vencidos os perigos, seguiron o seu camiño ata soterraren os seus restos no monte Libredón.
A conmemoración anual da Translatio a través da Ría de Arousa, promovida pola Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa, celébrase a finais de xullo ou principios de agosto.
Itinerario
O itinerario marítimo comeza á entrada da Ría de Arousa, deixando a estribor as illas de Onza e Ons, fronte á Ría de Pontevedra e as costas de Sanxenxo.
Á entrada de Arousa avístase a recortada liña de costa da illa de Sálvora (15 km2), a poucas millas de Cabo Falcoeiro (Ribeira). Situándose as terras de Ribeira e A Pobra no extremo nor-occidental da Ría.
Como a navegación para acceder á Ría de Arousa non é demasiado doada (hai numerosas baixadas e as bateas forman, en ocasións, barreiras infranqueables), a ruta marítima máis segura é a que segue o chamado Canal Principal, entre a illa de Sálvora e a península do Grove. Este canal ten como referencia o faro de Sálvora e a illa de Pombeiro, no extremo suroeste do Grove.
Prosigue esta singradura xacobea dobrando por estribor a punta de San Vicente (O Grove) e entrando na parte máis ancha da ría, especie de mar interior de 330 km2.
A súa costa meridional é a máis recortada, configurando a península do Grove e a illa da Toxa.
O itinerario marítimo prosegue cara o noreste, pasando entre as ribeiras dos municipios de A Pobra do Caramiñal e A Illa de Arousa. Cos seus 12,5 Km., é a maior das illas da ría.
O itinerario retómase, unha vez dobrada a Punta do Cabalo (A Illa) e deixando atrás a praia de As Sinas (Vilanova), quedando Vilagarcía de Arousa a estribor e a costa setentrional de Boiro e Rianxo a babor.
A ruta xa gañou o centro da Ría de Arousa e se encamiña cara a desembocadura do Ulla, rozando as ribeiras do arquipélago das Malveiras e de Cortegada.
Nunha das Malveiras atópase o primeiro dos dezasete cruceiros que bordean este itinerario xacobeo ata Pontecesures e que foron doados por particulares e diversas entidades, tanto civís coma relixiosas.
Na Punta do Corveiro, o norte da illa, érguese o segundo dos cruceiros desta ruta marítimo-fluvial. O terceiro, doado polos veciños de Rianxo, queda a babor, en punta do Patino.
Deixando atrás Bamio (Vilagarcía) e os seus petroglifos da Idade do Bronce, polo costado de estribor acércanse xa as terras de Catoira, feramente defendidas na Idade Media polas célebres Torres do Oeste.
Deixando atrás as ribeiras de Catoira e de Rianxo, o itinerario emboca decididamente o curso do Ulla, mantendo o seu rumbo definitivo: o antigo porto fluvial de Iria Flavia, en Pontecesures. Deseguida aparecen, a ambas marxes do río, as feraces terras de Valga e Dodro. A babor, as brañas de Laíño e as veigas de Lestrove, cantadas por Rosalía de Castro.
Servindo de límite entre os municipios de Dodro e Padrón, transcorre o leito do Río Sar, afluente do Ulla. Enfilou a súa desembocadura "A Barca de Pedra", levando o prezado cargamento do corpo de Santiago o seu destino: Padrón. Na actualidade, a realización de modernas canalizacións no Sar impide que calquera embarcación siga a estela da nave apostólica. Por elo, é necesario desembarcar en Pontecesures. A súa estratéxica situación, próxima á cidade romana de Iria determinou a construcción dunha gran ponte de pedra no século I, reconstruído no século XII, no XIX e en 1911, que serviu durante moitas centurias ás comunicacións terrestres.
Do outro lado da ponte está, moi próximo, Padrón, lugar xacobeo por excelencia e terra de escritores insignes.
A vila de Padrón conta cun sólido patrimonio histórico-artístico, íntimamente vinculado á tradición xacobea.
Dende Padrón, a ruta de peregrinación segue o trazado do Camiño Portugués a través de Iria Flavia, ca súa colexiata do século XVII, que aínda conserva a súa portada medieval, o solemne santuario barroco da Nª Sª da Escravitude e pequenos núcleos etnográficos do municipio de Teo, engastados en frondosos bosques, ata rozar o Castro Lupario e chegar ó cruceiro gótico de Calo (século XV), un dos máis antigos de Galicia, case xa as portas de Compostela.
Para máis información sobre esta Ruta Marítimo Xacobea Mar de Arousa e Ulla, qué é unha peregrinación, cómo acadar a compostela ou cómo gañar o xubileo, nas páxinas web:
http://camino.xacobeo.es/gl/caminos/ruta-do-mar-de-arousa-e-rio-ulla