Castelo da Lúa Panel 3 - O Mar Feito Tradición
A VIDA NO CASTELO
As evidencias materiais achégannos trazos da vida cotiá dos habitantes e visitantes do castelo. Este non foi a residencia habitual do seu señor, mais si dunha pequena gornición militar, como reflicte un documento de 1457, que describe o armamento do que dispuña a persoa encargada da custodia da fortaleza.
Gonzo inferior da poterna (Museo Arqueolóxico do Castelo de Santo Antón, A Coruña).
Entre os obxectos fornecidos polas intervencións arqueolóxicas, acháronse vaixelas, moedas, armas e pezas metálicas de uso persoal coma alfinetes, cadeas ou fibelas. Moitos destes produtos foron traídos de lonxe, algúns deles procedentes da costa do levante, Andalucía ou Portugal. Os mariñeiros e comerciantes rianxeiros exportaban peixe cara a esas latitudes e aproveitarían a viaxe de volta para traer estes valiosos obxectos.
Da dieta dos habitantes do castelo dan mostra a cantidade de cunchas de moluscos recuperadas, así coma os restos óseos pertencentes á fauna doméstica e á caza.
Pratos de cerámica sevillana vidrada con motivos decorativos vexetais e xeométricos (2ª metade S. XIV-S. XV, Museo Arqueolóxico do Castelo de Santo Antón, A Coruña).
Prato procedente do levante fabricado no século XV, decorado con motivos de folla de pirixel, de tradición musulmá (Museo Arqueolóxico do Castelo de Santo Antón, A Coruña).
Ceitil de cobre de Afonso V de Portugal "O Africano" (1438-1481), que representa o escudo de Portugal no seu reverso (Museo Arqueolóxico do Castelo de Santo Antón, A Coruña).
O que rreçebeu Gonçaluo Mariño de Fernando de Catoyra con a casa e fortalesa de Rrianjo.
Primeyramente:
Húa cadea de ferro con seu candado e çinco farroupeas e dúas esposas.
Hũas coyraças.
Tres huchas.
Tres ballestas: J de aseyro, IJ de pao.
Quatro baçinetes.
Hũu trono con seu servjdor e hũu fole de póluora.
Dos carcaixes de biratõos.
Hũu torno de armar ballesta
(Documentos do rexistro de Álvaro Pérez, Notario de Rianxo, 1457)
Puntas de bésta de ferro (Museo Arqueolóxico do Castelo de Santo Antón, A Coruña).
UNHA FORTALEZA NUNHA PUNTA ROCHOSA
Os restos definen unha planta case rectangular cun extremo apuntado e un antemural externo, que rodeaba o acantilado. O recinto quedaría cinguido pola muralla interior, da que formaría parte un portón de acceso, tras pasar o foso por unha ponte levadiza. Dentro, disporíase o patio de armas de planta rectangular e a casa forte do castelo, sendo a torre da homenaxe o edificio senlleiro. Na parte posterior distribúense unha serie de dependencias e no extremo norte o baluarte que defendía a poterna de saída ao peirao.
Poterna ou acceso secundario, situado no extremo N do castelo.
EDIFICIOS E ELEMENTOS CONSTRUTIVOS
1. Foso: para illar o castelo da liña de costa escavouse o foso sobre a rocha. Accederíase á fortaleza mediante unha ponte levadiza.
2. Fachada dianteira: configurada pola liña da muralla, a porta de acceso e os baluartes.
3. Porta de acceso: posiblemente tería un arco de medio punto de factura gótica, franqueada por baluartes.
4. Liña da muralla: recinto de defensa e delimitador do espazo do castelo.
5. Antemural: muro externo para frear os embates do mar e protexer a cimentación da muralla da salinidade. Estaría construído cunha estrutura de cachotería duns 2 m de altura. Del apenas se conservan rebaixes no rochedo sobre os que se asentaría.
6. Patio de armas: de planta rectangular onde se realizarían actividades de carácter castrense. O nivel do solo estaría sobre a rocha viva, pero non se conservan restos.
7. Casa forte do castelo: edificio principal das dependencias do castelo, anexo á torre da homenaxe, de dúas plantas.
8. Muro da fase posterior: o castelo sufrirá transformacións e destrucións ao longo dos seus case tres séculos de vida, converténdose en cárcere na última fase do uso.
9. Forno cerámico: co castelo en ruínas, instálase un alfar cerámico que perdurou ata a segunda metade do século XVIII, do que unicamente se conserva o forno.
10. Torre da homenaxe: edificio principal da defensa do castelo, símbolo do poder feudal.
11. Patio norte: dende onde se accedía ao resto das dependencias, e no que se desenvolv'ian actividades de carácter cotiá.
12. Edificios acaroados á muralla: edificios destinados a dependencias, con fins domésticos, dun só andar.
13. Baluarte norte: sería a proa da fortaleza, protexendo o extremo norte do edificio no límite do rochedo e defendendo a poterna.
14. Poterna: porta secundaria aberta na muralla do castelo, con saída ao peirao, na desembocadura do río Te.
Edificios e elementos construtivos.
A TORRE DA HOMENAXE COMO SÍMBOLO DO PODER
Ademais de ser o núcleo da defensa e da vida do castelo, a torre da homenaxe é o emblema do poder señorial, feito polo que os irmandiños se centrarán na súa destrución. É a torre máis visible da fortaleza, superior á muralla e que pode quedar illada do resto do castelo no caso de ataque. Nela desenvolvíanse as funcións máis relevantes, e albergaba estancias con usos diversos: dependencias señoriais, almacéns de víveres, tesouro, etc.
Ilustración da Biblia de Alba do século XV, na que se representa o asalto a un castelo coas máquinas de guerra (Fundación Casa de Alba).
De xeito aproximado unha torre da homenaxe tería unha altura equivalente a multiplicar por tres a lonxitude dun dos seus lados. No caso de Rianxo, a torre podería ter arredor duns 23 m de altura.
Castelo de Andrade ou Torre da Nogueirosa en Pontedeume (A Coruña), construído en 1376 por Fernán Pérez de Andrade.
LIÑA DO TEMPO
S. XIII
C. 1225: nace Paio Gómez Chariño, posiblemente en Pontevedra.
2ª metade do S. XIII: construción da fortaleza por Paio Gómez Chariño, primeiro señor de Rianxo.
1295: 'e asasinado Paio Gómez Chariño en Ciudad Rodrigo (Salamanca).
S. XIV
Inicios do século XIV: Xoana Mariño de Rianxo, filla da Paio Gómez Chariño, convértese en señora da fortaleza de Rianxo e do seu territorio.
S. XV
1426: o rei Xoán mándalle a Paio Gómez de Soutomaior que derrube a reconstrución que está a facer do castelo de Rianxo.
Mediados do S. XV: reformas por parte de Sueiro Gómez de Soutomaior.
1465: destrución do castelo na segunda revolta irmandiña.
Posterior a 1465: reconstrución por Sueiro Gómez de Soutomaior.
1480: nova destrución por parte do gobernador real Fernando Acuña.
Fins do século XV: o edificio convértese en cárcere.
S. XVI
1532: abandono da fortaleza.
S. XVI: xurisdición directa da torre por parte do arcebispo compostelán Alonso II de Fonseca.
1544 e 1547: visitas e taxación da fortaleza de Rianxo por parte da Mitra de Santiago de Compostela.
S. XVII
1617: os visitadores do castelo sinalan o estado ruinoso no que se atopa a fortaleza.
S. XVIII
1737: con pedras procedentes do castelo constrúese o campanario da igrexa.
1738: toma de posesión da fortaleza de Rianxo polo mestre de campo Don Benito José de Bazán y Mendoza, en nome do conde de Castronuevo.
2ª metade do S. XVIII: abandono do alfar de cerámica popular.
S. XIX
1850: artigo de J. R. Figueroa no que se presenta un gravado do castelo.
S. XX
S. XX: o castelo serve de canteira para diversas construcións na zona.
S. XXI
2001-2010: realízanse as intervencións arqueolóxicas que poñen ao descuberto os restos.