Festas - O Mar Feito Tradición
As festas, feiras, romarías e festivais aquí recollidos son unha aproximación ás que adoitan celebrarse de forma regular, polo tanto poden variar en datas dun ano a outro, ou non seren celebradas.
A información sobre cada un deles publícase na Axenda Cultural.
Festas da Guadalupe
É a festa máis importante do municipio. Celébrase o primeiro domingo de setembro despois do día 8. Están declaradas de interese turístico da Galiza e contan con máis de 150 anos de tradición. Rianxo honra a súa Virxe "Moreniña" cunha semana de festas chea dunha oferta variada de actividades lúdico-recreativas e culturais.
Destaca a procesión marítima, na que a imaxe da Virxe se pasea pola ría, sempre acompañada por unha comitiva de barcos engalanados para a ocasión. Mais quizais o momentos de maior emoción, aparte da tradicional procesión marítima, é o último día das festas, cando de madrugada as orquestras e o numeroso público que ateiga a praza Castelao entoan A Rianxeira acompañados por milleiros de bengalas.
Festas Gastronómicas
Festa da Xouba
Celébrase nas datas próximas á festividade de Santiago Apóstolo (25 de xullo). É unha xornada de exaltación dun dos peixes máis típicos da zona, a xouba, que se prepara de distintas maneiras: asadas, en escabeche, en empanada, con patacas cocidas ou simplemente acompañadas de pan e viño. Para amenizar esta xornada de marcado carácter popular non podían faltar as bandas e grupos de música.
Festa do Mexillón
A primeiros de agosto celébrase a festa gastronómica con diversas actividades arredor dun dos produtos estrela da vila de Rianxo.
Feiras
Feirón Mariñeiro
Feira de artesanía ambientada no Rianxo mariñeiro de primeiros do século XX. Celébrase dentro das Festas da Guadalupe, e todos os veciños e veciñas participan activamente nela con baile, canto e música tradicional, e caracterizados con traxes típicos ou antigos.
Mercado ambulante
Todos os mércores e domingos do ano, na praza Castelao e Campo de Arriba, ten lugar o mercado ambulante.
Festivais
Festival Antrospinos
En Campo Maneiro, Taragoña, vénse celebrando un festival que xa é un dos referentes musicais do país. Celébrase a finais de xullo durante varios días e parte da recadación destínase á repoboación forestal.
https://www.facebook.com/asociacionFAP/
Rock in Rian
O Festival Rock in Rian celébrase o sábado de Guadalupe en Rianxo. É unha cita que colle forza cada ano con grupos destacados do panorama musical galego de diversos estilos.
https://www.facebook.com/festivalrockinrian/?fref=ts
Festas tradicionais
Entroido
O Entroido é unha festa popular que ten a súa orixe como indicación da fin do inverno e o comezo da primavera.
Nel conflúen rituais cristiáns e pagáns, sendo a época na que se poden romper todas as normas, cambiar de personalidade ou identidade e ironizar sobre as institucións máis asentadas. É, sen dúbida, unha das festas máis irreverentes do calendario galego que se celebra practicamente en todos os concellos da Galiza e, como non, en toda a península do Barbanza.
Semana Santa
Celebración de gran tradición en todo o territorio galego que conmemora a paixón, morte e resurrección de Cristo. Durante estes días sucédense as procesións que inundan de relixiosidade as rúas da vila. Desde 2011 o programa dos actos vén sendo organizado pola Irmandade da Paixón de Cristo.
Corpus Christi
Nesta festividade, celebrada no mes de xuño, adquiren gran relevancia as tradicionais alfombras florais, elaboradas polos veciños, que decoran as rúas da vila polas que despois discorre o vistoso cortexo procesional.
Fogueiras de San Xoan
Esta noite máxica desde os tempos máis remotos, que coincide coa celebración do solsticio de verán, ten na nosa terra unhas características moi especiais. É a noite do lume, das fogueiras, da auga, reviven as propiedades das fontes santas e milagreiras, das nove ondas do mar que purifican e fecundan e tamén do mundo vexetal. Arredor das cacharelas sitúase a xente para comer as sardiñas asadas e o churrasco. Despois saltan as fogueiras para espantar as meigas e ter boa sorte.
Magosto
A festa do Magosto é unha celebración do ciclo do outono na que as castañas son as protagonistas xunto co viño novo. Polo xeral celébrase entre Todos os Santos e o San Martiño, día de matar o porco. Os asistentes reúnense para asar as castañas e seguidamente comelas, xogar, bailar, contar contos, cantar, etc. Ademais é frecuente encher a cara de cinza uns aos outros cos restos da cacharela e saltala para dar boa sorte.
Samaín
A festa celta por excelencia marcaba o final das colleitas e o inicio do novo ano. Os mundos dos vivos e dos mortos entraban en comuñón, e os espíritos dos defuntos tiñan permitido camiñar entre os vivos, de forma que as persoas podían reunirse cos seus antergos. Esta festa ancestral chega até os nosos días coincidindo coa véspera da festividade cristiá de Todos os Santos tras unha recuperación dalgúns dos costumes antigos, como o de baleirar cabazos e tallar faces grotescas neles para pasaren a noite á intemperie alumeando cunha candea no interior.
Nadal e Noite de Reis
Festas patronais e de verán
Moitos lugares das parroquias teñen as súas celebracións ao longo do ao. As datas e alcance das celebracións poden variar dun ano a outro.
Festas da Nª Sª dos Desamparados de Brión: marzo ou abril, na parroquia de Leiro.
Festas de Santa Rita: o 22 de maio en Rianxo.
Festas do Santo Antón do Pazo: en xuño no lugar do Pazo, parroquia de Rianxo.
Festas de Santo Antón na Vacariza: a mediados de xuño na Vacariza, parroquia de Isorna.
Festas de San Xoán: mes de xuño na parroquia de Araño, no lugar da Ermida.
Festa do Santo Cristobo: bendición de vehículos en Rianxo e procesión por todo o concello, a primeiros de xullo.
Festa dos Milagres: primeiro domingo de agosto na parroquia de Araño.
Romaría de San Pedro de Vilas: arredor do 29 de xuño na ermida de San Pedro, parroquia de Asados.
Festas do Carme de Rianxo: arredor do 16 de xullo, na honra á virxe dos mariñeiros.
Festas do verán en Taragoña: celébranse arredor do 18 de xullo na parroquia de Taragoña.
Festa do Divino Salvador: 6 de agosto na parroquia de Taragoña.
Festas do Verán en Asados: celébranse no mes de agosto na parroquia de Asados.
Festas de Isorna: segunda quincena de agosto en Isorna.
Festas de San Roque: contra finais de agosto en Rianxo.
Festas de San Bartomeu: última fin de semana de agosto na Capela homónima do peirao de Rianxo.
Festa das Dores: o último domingo de setembro en Rianxo, na honra á Nª Sª das Dores.
Festas do Carme de Leiro: mes de outubro na parroquia de Leiro.
Festa de Santa Comba: o 31 de decembro é a festa da Patroa de Rianxo.