Castelo da Lúa Panel 2 - O Mar Feito Tradición
O ESTABLECEMENTO DUNHA OLARÍA DE CERÁMICA POPULAR TRAS O ABANDONO DO CASTELO
Coa fortaleza en ruínas constrúese unha olaría de cerámica popular que funcionará ata a segunda metade do século XVIII. A descuberta deste obradoiro cerámico supuxo unha novidade desde o punto de vista arqueolóxico. Os milleiros de fragmentos de pezas cerámicas desbotados por presentar roturas ou erros de fábrica, localizados nos estratos superiores do xacemento, permitiron fixar as bases para caracterizar a cerámica común ou popular de Galicia na época moderna (séculos XVI-XVIII). Fisicamente eran unhas cerámicas moi resistentes, e tiñan formas diversas compostas por olas (1), tapadeiras (2), xerras (3), botellas (4), barreños (5), pratos (6) e cuncas (7), principalmente.
Algunhas das formas cerámicas producidas na olaría de Rianxo.
Todo obradoiro cerámico debe contar con tres materias primas básicas que son: a auga, a arxila e a madeira, coa que quentar o forno. O subministro sería doado debido á posición da olaría na punta do Pazo, que tamén limitaría a posible propagación do lume.
Fragmentos de cerámicas fabricadas no forno (Museo Arqueolóxico do Castelo de Santo Antón, A Coruña).
O FORNO CERÁMICO
Foi construído en cachotería de granito con arxila, e estaba composto por unha boca de combustión e unha cámara de cocción. Os paralelos máis directos atópanse nos fornos tradicionais de Gundivós (Sober, Lugo) e Betanzos (A Coruña), onde, como aquí, se realizan estruturas sinxelas, cunha soa cámara de tipo descuberto e sen grella.
Detalle do forno cerámico coa boca en primeiro termo.
Fornos de cerámica popular de Niñodaguia (Ourense).
EDIFICIOS E ELEMENTOS CONSTRUTIVOS
1. Foso. Para illar o castelo da liña da costa escavouse o foso sobre a rocha. Accederíase á fortaleza mediante unha ponte levadiza.
2. Fachada dianteira. Configurada pola liña da muralla, a porta de acceso e os baluartes.
3. Porta de acceso. Posiblemente tería un arco de medio punto de factura gótica, franqueada por baluartes.
4. Liña de muralla. Recinto de defensa e delimitador do espazo do castelo.
5. Antemural. Muro externo para frear os embates do mar e protexer a cimentación da muralla da salinidade. Estaría construído cunha estrutura de cachotería duns 2 m de altura. Del apenas se conservan rebaixes no rochedo sobre os que se asentaría.
6. Patio de armas. É de planta rectangular e nel realizaríanse actividades de carácter castrense. O nivel do solo estaría sobre a rocha viva, pero non se conservan restos.
7. Casa forte do castelo. Edificio principal das dependencias do castelo, anexo á torre da homenaxe, de dúas plantas.
8. Muro da fase posterior. O castelo sufrirá transformacións e destrucións ao longo dos seus case tres séculos de vida, e converterase en cárcere na última fase de uso.
9. Forno cerámico. Co castelo en ruínas, instálase un obradoiro cerámico que perdurou ata a segunda metade do século XVIII, do que unicamente se conserva o forno.
10. Torre da homenaxe. Edificio principal da defensa do castelo, símbolo do poder feudal.
11. Patio norte. Dende onde se accedía ao resto das dependencias e no que se desenvolvían actividades de carácter cotián.
12. Edificios acaroados á muralla. Edificios destinados a dependencias, con fins domésticos, dun só andar.
13. Baluarte norte. Sería a proa da fortaleza, que protexería o extremo norte do edificio no límite do rochedo e defendería a poterna.
14. Poterna. Porta secundaria aberta na muralla do castelo, con saída ao peirao, na desembocadura do río Té.
Edificios e elementos construtivos.
AS MARCAS DE CANTEIRO
Boa parte dos perpiaños que formaban parte do castelo conservan marcas de canteiro. Correspóndeńse con signos gravados na pedra que probablemente servirían para sinalar o traballo realizado por cada traballador ou obradoiro.
Marcas de canteiro en perpiaños procedentes da fortaleza.
O ABANDONO E ESPOLIO DA FORTALEZA
Do seu mal estado falan os visitadores que o arcebispo compostelán envía ás súas fortalezas, co fin de valorar o estado das mesmas. Tras o abandono do castelo en 1532, este sufrirá o espolio das súas pedras, moitas das cales foron empregadas para a construción, como no caso do campanario barroco da igrexa parroquial de Santa Comba de Rianxo, ou no propio peirao da vila.
Igrexa de Santa Comba de Rianxo.
Detalle de marcas de canteiro na igrexa de Santa Comba de Rianxo.