Castelo da Lúa Panel 1 - O Mar Feito Tradición
A FORTALEZA MEDIEVAL NUNHA VILA COSTEIRA
O Castelo da Lúa sitúase nunha pequena península que recibe o nome de Punta do Pazo, o que lle outorga unha posición estratéxica excepcional, ao norte da ría de Arousa. A fortaleza foi construída por Paio Gómez Chariño, primeiro señor xurisdicional de Rianxo no século XIII, en compensación polo seu labor na conquista de Sevilla. Entre fins do século XV e o 1532 o edificio foi usado como cárcere, e foi abandonado a partir desa data. No século XVIII, entre as ruínas, disporase un obradoiro de cerámica popular.
Mapa da ría de Arousa de 1634 do cartógrafo portugués Pedro Teixeira.
No século XV Rianxo é unha vila mariñeira que obtén a principal parte dos seus recursos do mar. A vila aparece incluída dentro das rutas de cabotaxe, estando ben situada en relación coa rede de camiños terrestres. No mapa da ría, realizado por Pedro Teixeira, aparece a vila de Rianxo así como a fortaleza, referenciada xa daquela como Castillo viejo.
Fotografía do voo americano de 1956.
SOUTOMAIOR: OS SEÑORES DO CASTELO E A PUGNA POLO PODER
A fase álxida do castelo estará relacionada coas disputas entre a familia Soutomaior, como señores do castelo, e o poder arcebispal de Compostela. En 1426 o rei esixe a Paio Gómez de Soutomaior o derrubamento da fortaleza, por tela edificado sen permiso do arcebispo de Santiago, orde que non será acatada.
AQVI : IAZE : EL MVI NOBLE : CABALLERO : PAYO GVOMEZ : CHARIÑO : EL PRIMEIRO : SEÑOR DE RRIANJO : QUE GUANO : A SEVILLA SIENDO : DE MOROS : Y LOS : PREVILEGIOS : DESTA VILLA : ANO DE 1304
(Epitafio do sartego de Paio Gómez Chariño)
Sartego de Paio Gómez Chariño, na Igrexa de San Francisco de Pontevedra.
Escudo dos Soutomaior nun merlón pertencente á fortaleza.
A LENDA E A ORIXE DO NOME
Actualmente a fortaleza recibe o nome de Castelo da Lúa. Non obstante, esta denominación non foi a orixinal pois é coñecida só dende tempos relativamente recentes.
Frontis do sartego de Sueiro Gómez de Soutomaior (Museo de Pontevedra).
Entre as hipóteses da nomenclatura, os investigadores apuntan a posibilidade da vinculación co apelido Luna dunha señora do castelo - Xoana de Luna, esposa do mariscal Don Sueiro -, ou pola presenza na representación dun dos brasóns da familia. O certo é que o nome de Castelo da Lúa, aparece por primeira vez recollido nun artigo de J. R. Figueroa de 1850. Das lendas asociadas ao castelo, existe unha historia romántica, na que se conta que os brillos da lúa nocturna acabaron delatando a unha parella de namorados que fuxían nunha embarcación do castelo, cun funesto desenlace.
Gravado extraído dun artigo de J. R. Figueroa de 1850 e posteriormente reproducido en "El barbero Municipal" en 1913.
A INVESTIGACIÓN ARQUEOLÓXICA E HISTÓRICA
Durante a primeira década do século XXI realízanse varias actuacións arqueolóxicas e estudos históricos que permiten poñer ao descuberto os restos hoxe visibles, así como coñecer a historia do castelo e dos seus protagonistas.
Volumetría hipotética do castelo.