Un paseo por Rianxo

Un paseo por Rianxo - O Mar Feito Tradición

Un paseo por Rianxo

O termo Rianxo posúe cero halo de misterio: quererá dicir  "río ancho", "ri o anxo"...?; posiblemente signifique curva, ángulo da ría, facendo referencia á súa situación no vértice inicial da ría de Arousa, na costa occidental de Galicia.

Habitado dende o paleolítico conservamos evidencias das distintas culturas que se asentaron no seu espazo, de forma moi simplificada: preceltas, celtas e romanos, grazas ós abundantes restos arqueolóxicos.

En calquera caso, xa nas brétemas da historia constátase unha especial vinculación dos poboadores da zona co mar, fonte de sustento e comunicación.

E é que o mar está indeleblemente presente na súa idiosicrasia. Dende a memorial pesca ao "jeito", que se afunde na Idade Media, á figura de Paio Gómez "Chariño", primeiro señor de Rianxo, quinto Almirante de Castela e "Tomador de Sevilla cando era de moros", e un dos máis importantes trobadores medievais da literatura galega. Dende a policromía do seu porto, ás casas "do remo", construcións mariñeiras que testemuñan unha singular forma de vida. O seu folclore, a súa música. A súa literatura, incluso a súa heráldica, poñen de manifesto a pegada do mar, constatando unha tradición milenaria que. Aínda hoxe, supón un elemento substantivo da súa personalidade, da súa cultura e da súa economía.

Un paseo por Rianxo vainos permitir, en apenas hora e media, apreciar estas características e achegarnos a unha vila onde a presenza mariñeira, nas súas múltiples manifestacións, explica boa parte da vida e obra dos grandes intelectuais rianxeiros, cunha dimensión que se fai intemporal no mítico galego, harmoniza a súa cultura e as súas tradicións e apela ao carácter e á hospitalidade dos seus habitantes, moldeados coa honestidade e a bravura que esixe o mar.

PRAZA CASTELAO

Entrando na vila pola Praza Castelao atopamos,á esquerda, na alameda, a Capela da nosa Señora de Guadalupe. Trátase dun dos monumentos de maior querenza popular e un dos sinais de identidade máis sobranceiros de Rianxo. O santuario, construído polo mestre canteiro Bartolomé González sobre outro anterior, o da Nosa Señora da Cruz, acolle unha imaxe da Virxe de Guadalupe realizada no s XVIII, en pasta de papel, polo relixioso rianxeiro Frei Xosé de Santiago. A Virxe de Guadalupe, de gran devoción entre os rianxeiros e rianxeiras, que tamén a denominan "A Virxe Moreniña", preside as festas máis importantes de Rianxo, celebradas en setembro, e nas que destacan dous momentos especialmente emotivos: a procesión marítima, onde toda a flota acompaña á Virxe, erixida en capitanía, pola enseada de Rianxo; e a madrugada do último día das festas, onde todo o pobo, á luz de milleiros de bengalas, entorna A Rianxeira, famosa canción composta nos anos 40 por dous emigrantes rianxeiros en Bos Aires, Anxo Romero Lojo e Xesús Frieiro "Pinciñas".

A capela de Guadalupe incribese no conxunto da Praza de Castelao, unha das máis grandes de Galicia. Nesta praza, cunha ordenación que segue as pautas propias do urbanismo español de principios de século, coa centralidade dos edificios administrativos e a nuclearización da vida do pobo, destacan, ademais da propia capela, a "Casa do Coxo" e o "Cuartel Vello", denominacións  populares para unha antiga botica e unha vella escola de nenos, que despois foi Cuartel de Armas e aínda máis tarde cuartel da Garda Civil, daí o seu nome, actualmente sede do Museo do Mar e Casa da Cultura municipal, respectivamente. O conxunto continúa coa Casa do Concello, que segue as pautas de simetría interior e exterior establecidas polos arquitectos e Alfonso XIII, e no que destaca o capricho escultórico sobre o escudo de Rianxo, situado no seu frontón superior; e a Alameda, popularmente denominada "Campo de arriba",(en contraposición ao "Campo", que viña ser a praza propiamente dita, presidida por unha fonte e caracterizada polo maxestoso arboredo.

RÚA DE ABAIXO

A Praza Castelao vai dar a tres rúas coñecidas como Rúa de Arriba, a máis estreita e humilde, pero con maior sabor antigo, a Rúa do Medio, na que se situaban as casas daquelas persoas con certa posición económica e a Rúa de Abaixo, na que naceron tres dos máis ilustres rianxeiros de tódolos tempos.

É tamén na Rúa de Abaixo onde podemos descubrir algúns dos exemplos arquitectónicos máis interesantes daquel Rianxo medieval, presidido por unha nobreza de certa importancia e pola Mitra compostelá. Na fachada dalgunhas casas déixase observar escudos de familias como Mariños, Sotomaior, Bermúdez, Moscosos...

Pero a característica substantiva desta rúa consiste en ter sido o espazo culturalmente máis privilexiado de Rianxo e, posiblemente , un dos máis emblemáticos de Galicia, xa que nela naceron ou viviron tres das máximas figuras da intelectualidade, a política e as letras galegas contemporáneas:

Alfonso Daniel R. Castelao (1886-1950), pai do nacionalismo galego, ideólogo e recoñecido político, ademais de caricaturista, debuxante, pintor, escritor, ensaísta, autor teatral e etnógrafo. Entre as súas obras destacan: "Sempre en Galiza" (ensaio político), "Os vellos non deben namorarse" (teatro),  " Os dous de sempre" (novela), "As cruces de pedra na Bretaña" e "As cruces de pedra na Galiza" (etnografía), "50 homes por 10 reás" (caricatura), etc. Morre en 1950, no exilio en Bos Aires, e os seus restos descansan no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela.

Manuel Antonio Pérez (1900-1930), denominado "poeta do Mar", un dos máximos expoñentes da vangarda poética na literatura galega e universal. Morto moi novo, dedicou a súa curta vida ó exercicio da súa profesión, oficial da mariña mercante, e á creación poética. As súas obras fundamentais son: "De catro a catro" (título que referencia as doce horas de garda na ponte) e o manifesto "Mais alá" (onde reflicte os seus presupostos estéticos e vitais), ademais dalgúns poemas soltos.

Rafael Dieste (1899-1981), destacado intelectual de mediados de século e do exilio e unha das personificacións máis actuais de home renacentista. Dramaturgo, poeta, narrador, ensaísta, crítico literario e de arte, periodista, editor... , participou en iniciativas tan importantes como as "Misións Pedagóxicas" (excepcional experiencia de cultura popular nada ó amparo da II República Española), a creación e animación editorial do exilio, etc. Entre as súas obras destacan: "Dos arquivos do trasno" (narracións), "Rojo farol amante" (poesía), "testamento geométrico", (ensaio matemático), etc.

DA PRAZA DE RAFAEL DIESTE Á PRACIÑA

Da Rúa de Abaixo seguimos ate a Praza de Rafael Dieste, onde nos atoparemos co Pazo de Martelo, o máis interesante do concello. Esta construción que se asenta sobre a torre medieval de Paio Gómez Chariño (s. XIV) destaca pola fermosura da fachada principal e, sobre todo, pola súa balconada corrida. Na actualidade é a sede da Biblioteca Pública Municipal Castelao e de diversos servizos educativos municipais.

No centro da praza atópase un fermoso cruceiro barroco, de longo e estilizado fuste, que aínda conserva restos de policromía. Presidindo todo o conxunto, a Igrexa parroquial de Santa Comba, (finais do s.XV), na que se poden observar partes góticas, así como posteriores platerescos (porta principal) e barrocos (torre e retablo, datado este no s. XVIII).

Saíndo de praza de Rafael Dieste, e seguindo unha rúa lateral á igrexa, podemos acceder á Praza da Fonte, na que son apreciables diversos tipos de casas, tanto populares como señoriais, para desembocar na rúa Paio Gómez Chariño. Tamén podemos acceder a esta rúa directamente dende a Praza de Rafael Dieste e, virando á dereita, chegar a Consistorio Vello, onde se atopa a antiga casa do Concello, recoñecible polas labras heráldicas que a adornan.

Da rúa Consistorio Vello acederememos á Praciña, de evidente arquitectura mariñeira. As súas casas estiveron en tempos xusto a carón do mar e a súa estreitura fai que sexan coñecidas como "casas do remo", por ser un remo o que servía para establece-lo ancho das súas fachadas (deste xeito repartíase o terreo construtivo en liña de praia, o que permitía ós mariñeiros ter ben preto as embarcacións e artes de pesca). Outra das súas características, tamén vinculada coas faenas do mar, era a colocación dunha argola na parte superior da fachada, dende a que, unha vez fixadas, extendianse as redes facilitando así a súa reparación. O conxunto atópase presidido por un dos cruceiros máis antigos de Rianxo, e posiblemente de toda Galicia, que destaca polo seu fuste en forma de columna e o basto da súa labra.

ZONA PORTUARIA, FACHADA MARÍTIMA E PASEO DE TANXIL

Na zona portuaria, á que accedemos atravesando a "Pendorella", un curioso pasadizo dende "A praciña", atopámos a Capela de San Bartolomeu,  orixinariamente situada nun illote que, tras os sucesivos recheos portuarios, foi incorporada a terra firme. Este santo, protector das xentes do mar, era obxecto dun curioso rito por parte dos mariñeiros rianxeiros: o patrón da embarcación cando navegaba á altura da Capela, ordenaba á tripulación: "Alsa remos, fora boinas, veña un credo", agardando así que Santo Bartomeu os provese da súa protección divina

Dende o final do espigón portuario teremos unha fermosa panorámica da fachada marítima de Rianxo e da Serra do Barbanza, así como das diferentes embarcacións que compoñen a flota rianxeira: bateeiros (barcos utilizados no cultivo do mexillón), pequenos barcos do cerco e botes de pesca artesanal e marisqueo, así como un pequeno grupo de barcos e botes tradicionais, entre os que destacan a "Xeiteira", a lancha de relinga aparellada como balandro.

Unha vez no porto, podemos recorrer o Paseo de Manuel Antonio, denominación que ten toa a fachada marítima da vila, presidido, en terra, pola liña de xardíns onde se atopan os monumentos na honra da "Manuela",  de Castelao, Rafael Dieste, Manuel Antonio, A Rianxeira, Rosalía de Castro e Brea Segade, desembocado no porto de Setefogas. Xusto neste lugar ten inicio un amplo e atractivo Paseo Marítimo que une a vila de Rianxo coa Praia da Torre (Taragoña).

Podemos tamén, dende o porto, continuar a liña de costa polo Parque Galicia, ampla zona con xardíns, fontes e surtidores, camiñando ate o final da zona portuaria, onde se atopa o Club Náutico e alí coller un pequeno e fermoso sendeiro que nos conducirá, ente piñeiros e co mar sempre á vista, ata a praia de Tanxil.

Tanxil configúrase como un espazo que aínda garda a forma e o sabor de principios de século, ata non fai moito presidido pola Virxe de Guadalupe de Asorey (recentemente retirada polos propietarios e reemprazada nos altos da praia de Quenxo por outra imaxe da Virxe de Guadalupe obra de Bert Gerresheim, financiada por veciños e veciñas de Rianxo), o  Pazo de Baltar e un pequeno dique. Esta área, conta asemade cunha extensa e ben equipada praia, dotada de todos os servizos necesarios para o baño, onde, ademais do ocio e o lecer que permite o mar, poderemos gozar dunha excepcional vista da ría de Arousa, enmarcado polos montes pontevedreses e da Serra do Barbanza.

Finalmente, poderemos rematar o noso paseo en Rianxo visitando a Aula Activa do Mar, na Rúa dos Mestres, pequeno museo interactivo que nos guiará por unha síntese da riqueza natural e cultural marítima rianxeira e arousá, e que foi distinguida no 2005 coa bandeira azul a centro de educación pola Foundation for Enviromental Education.