Roteiro Castelao

Roteiro Castelao - O Mar Feito Tradición

ROTEIRO CASTELAO

O Roteiro Castelao conta cunha web propia elaborada polo alumnado do Obradoiro de Garantía Xuvenil Carnero Valenzuela II en 2020 e 2021.

https://roteirocastelao.gal/

 

ROTEIRO CASTELAO

Contidos

0 Breve biografía de Castelao
​​​​​​​1 Casa do Concello. Campo de Arriba
2 Praza de Castelao. Campo de Abaixo
3 Casa Cándido (Praza de Castelao)
4 Casa de Castelao (Rúa de Abaixo)
5 Casa dos Dieste. Rúa de Abaixo
6 Casa dos Pérez. Museo Manuel Antonio
7 Casa de Insua ou a “dos doce balcóns” (Rúa de Abaixo)
8 Restaurante Feliciano (Rúa do Medio)
9 Restaurante Bar Ela (Rúa do Medio)
10 Casa dos Aguirre (Rúa do Hospital)
11 Pazo do Martelo. Biblioteca Castelao
12 Igrexa parroquial de Rianxo
13 Praza Principal (hoxe de Rafael Dieste)
14 Cine Iglesias, situado na praza Principal (hoxe desaparecido)
15 Casa Rañó (Cabo da Vila)
16 Casa natal de Castelao no Cabo da Vila
17 Busto de Castelao
18 A Ribeira
19 Peirao de Setefogas
20 Os escudos de Rianxo
21 Casa de Arcos Moldes (A Fincheira)
22 Graneira do pai de Castelao (A Fincheira)
23 Cemiterio Municipal de Rianxo (Camiño de Tanxil)
24 Campo de concentración de prisioneiros de guerra. (Antiga fábrica de Salgadura do Castillo)
25 Capela de San Xosé da Foresta (Rianxiño)
26 Pazo de Manuel Viturro
27 Chalé de Ángel Baltar. Altos de Tanxil
28 Praia de Tanxil
29 Areal de Tronco
30 Punta do Porrón
31 Aldea maldita de Abuín (Leiro)
32 Castro Barbudo (Taragoña)
33 Cruceiros: adro da igrexa de Asados

BREVE BIOGRAFÍA DE CASTELAO

Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao naceu ás 10 da mañá do 29 de xaneiro de 1886, no número 29 da rúa do Cabo da Vila de Rianxo. Con pai e avó mariñeiros, con once anos veríase obrigado, por mor da emigración, a abandonar a súa vila natal para partir cara á Pampa arxentina, da que volvería con 14 anos a Rianxo. Despois de estudar o bacharelato, entre 1900 e 1903, realiza, animado polo pai, o preparatorio de Medicina, carreira que remata en 1909 en Santiago.
Xa en Rianxo (1910), tras o seu paso por Madrid, exerce como médico na propia vila, onde funda, ao lado de José Benito Rañó e do amigo José Arcos Moldes, que exerce a dirección, o semanario conservador El Barbero Municipal. Nel publica as súas primeiras caricaturas. O seu pai, Mariano Rodríguez, que exercera de alcalde entre 1907 e 1909, lideraba o partido conservador. Esta publicación rianxeira será de grande importancia na traxectoria artística de Castelao, xa que é a primeira vez que pon a súa arte ao servizo do compromiso político.

En 1912 casa coa estradense Virginia Pereira Renda, e terá o seu único fillo, Alfonso Luís Xesús, Chuchiño, dous anos despois (1914). Por mor da súa falta de motivación coa Medicina e os problemas de vista, decidiu opositar para funcionario de Estatística, co que conseguiu praza en Pontevedra nos comezos de 1916. Aínda así, volverá a exercer como médico durante o andazo de gripe que sufriu Rianxo e o resto de Galicia en 1918.

En 1916 ingresa nas Irmandades da Fala. Son estes os anos de colaboración con entidades culturais e revistas, como no caso de A Nosa Terra e Nós (1920). En 1922, no xornal Galicia, publica as estampas de Cousas da vida. Incorporouse ao Seminario de Estudos Galegos en 1924 e dous anos despois aumenta a súa vinculación co nacionalismo e co movemento galeguista.
Nas eleccións de 1931 sae elixido deputado e pouco despois constitúese o Partido Galeguista e axiña con outras forzas impulsan un proxecto de Estatuto de Autonomía para Galicia. En 1933 publica xunto a Bouza Brey un estudo sobre os escudos de Rianxo no boletín Nós. En 1934 foi admitido como membro da Real Academia Galega. Neses anos sofre o desterro a Badaxoz e, tras a súa volta, preséntase coa Fronte Popular ás eleccións ás Cortes de 1936, nas que sae novamente elixido.

Castelao liderou a comisión que visitou ao presidente da República para a presentación do Estatuto. Durante o alzamento militar do 36 a súa presenza en Madrid facilitoulle que non fora detido e fusilado, pero supuxo o bloqueo das esperanzas políticas do pobo galego. Houbo que agardar ao 9 de novembro de 1945 para que o goberno español no exilio aprobara o Estatuto.
Tras a guerra vese obrigado ao exilio en Bos Aires, onde promove a fundación da Irmandade Galega, coa que encabeza unha nova etapa en A Nosa Terra e participa en numerosos mitins, sempre na defensa de Galicia e da República. A publicación de Sempre en Galiza (1944) constituíu un intre culminante na súa obra.

Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao falece o 7 de xaneiro de 1950 no Sanatorio do Centro Galego de Bos Aires, tras ser presidente do Consello de Galicia e Ministro da República no exilio.


“Cando o reló marcaba as 23,50
horas a enfermeira de turno comprobóu
que o corazón deixara de later. Virxinia
agardaba nun salonciño contiguo, na compaña
de duas amigas das que se viñan
relevando. No aceso de desespero e pranto,
viñeron aos seus beizos as mais doorosas
lembranzas familiares. En xaneiro
naceron pai e fillo i-en xaneiro morreron!”

Paz Andrade, V. (Castelao na luz e na sombra)

Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao é un dos rianxeiros e galegos máis ilustres. Do seu paso pola vila e arredores de Rianxo dannos testemuño as diversas localizacións que tiveron relación directa coa súa vida e que se reflicten neste mapa guía. Son até trinta e tres puntos os que se poden visitar, vencellados todos eles á vida do noso escritor, político e debuxante máis sobranceiro.

A numeración non garda unha orde coa que seguir a ruta, se ben os 24 primeiros puntos transcorren na zona vella da vila e son accesibles a pé. Os outros once están nos arredores e nas distintas parroquias de Rianxo.

1 Casa do Concello. Campo de Arriba

O que en Rianxo se coñece popularmente polo Campo está formado por dúas terrazas: a do Campo de Arriba e a do Campo de Abaixo, oficialmente praza de Castelao, e durante o franquismo praza del Generalísimo. O Campo de Arriba, como o seu nome indica, non pasaba de ser un lugar ermo, que aproveitaban os mariñeiros para secar ou atar as redes. A capela da Cruz, onde na actualidade se venera á Virxe de Guadalupe, marcaba a fronteira entre a vila, propiamente dita, e o barrio de Rinlo.

O parque actual comezou a xestarse no momento en que volve o noso Daniel feito un  mozo das “américas”, cos pais e dúas irmás pequenas: Josefina e Teresa. Entre 1900 e 1901 fíxose a primeira plantación e, pouco a pouco, foi cambiando a fisionomía do Campo, adornado tamén cunha artística fonte de pedra que botaba auga por catro canos. É posible que fora con frecuencia cos primos a xogar e ver como crecían eses plataneiros, que actualmente contan con máis de cen anos e que seguen sendo fonte de alento e lecer para a cidadanía.

Ata finais do século XIX, a vida comercial, administrativa e social desenvolvíase toda na zona vella do Cabo da Vila. Practicamente todo estaba ao sur da igrexa e do pazo do Martelo. Alí encontrábanse a praza principal, o mercado, a praza do peixe, o consistorio, a alhóndiga... As tres vías de entrada, hoxe rúa de Arriba, do Medio e de Abaixo, non pasaban de seren camiños en malas condicións, e pola ribeira o mar chegaba ás casas, o que dificultaba o paso. Este era o Rianxo primixenio do noso Alfonso Daniel, neste ambiente abriría os ollos á vida o que estaba chamado a ser o gran ideólogo da patria galega.

Ás portas do século XX, Rianxo necesitaba dar un paso cara ao modernismo, e deuno ao desprazarse o centro administrativo e de servizos da zona da Ribeira para O Campo. Coa situación da nova casa consistorial, foi perdendo protagonismo o conxestionado sur da vila, en beneficio desta urbanización periférica. O funcionariado, os comerciantes acomodados, a pequena burguesía foron facéndose de pronto cos mellores soares da rúa de Abaixo, como é o caso da vivenda dos pais de Castelao, dos Dieste, ou dos Pérez de Manuel Antonio. Anos máis tarde, tamén se revalorizaría, cun novo trazado, a rúa do Medio.

O airoso edificio do Concello, conseguido polas influencias políticas do exalcalde Vázquez Morales Pantuso, comezou a levantarse en 1867. O pai de Castelao, Mariano Rodríguez Dios, que volvera da emigración e exercía de concelleiro desde xaneiro de 1906, collía a alcaldía en maio de 1907 por renuncia do alcalde Pepito Varela, e por decisión do amigo Ramón Tojo Pérez, que presidía a Deputación da Coruña. Ocupou o cargo ata finais de 1909. En plena ditadura de Primo de Rivera, volveu a coller o mando, en marzo de 1924, e exerceríao ata febreiro de 1930
A cousa tenche gracia, meu pai alcalde da Dictadura e eu facendo caricaturas en contra dela.

Na casa consistorial traballaron os tíos de Castelao: Abelardo, de concelleiro e escribinte auxiliar e Manuel, de oficio carpinteiro, que foi o encargado de renovar parte do mobiliario e que tamén ocupou o cargo de depositario municipal. O mesmo Castelao, entrado en quintas, en marzo de 1907, presentouse no edificio para ser tallado (medía 1 metro e 80 centímetros) e recoñecido polo facultativo Varela Lema. Foi conceptuado como inútil para o servizo activo, por padecer problemas de corazón e miopía.

2 Praza de Castelao. Campo de Abaixo

Esta praza constitúe hoxe en día o principal punto de referencia de ocio da vila, como lugar idóneo para gozar da celebración de festexos e espectáculos de diversa índole. Dada a súa amplitude e situación privilexiada, a praza de Castelao ou Campo de Abaixo, ao longo do tempo foi escenario de grandes acontecementos históricos, protagonizados polos mandatarios dos grupos políticos do momento. No caso que nos ocupa, lémbrase un acto da Gran Diada Galeguista, que se celebrou en Rianxo o domingo 18 de setembro de 1932, con asistencia de catro mil persoas.

3 Casa Cándido (Praza de Castelao)

Alberga a primeira librería de Rianxo e conta con máis de cen anos de vida, talvez a máis antiga de toda Arousa Norte. O seu fundador libreiro-industrial-impresor Cándido C. González foi un dos amigos íntimos de Castelao. Os dous formaron parte da sociedade Pro-Cultura (1913). Cándido presidiu a agrupación social Acción, que tanto destacou na defensa de Castelao e do seu pai no altercado da graneira da Fincheira, como anteriormente o fixera louvándoo polo da loita contra a peste gripal. A súa casa era o lugar de encontro dos amigos ilustrados. Ademais de Castelao, frecuentaban o faladoiro Eduardo Dieste e Arcos Moldes. En febreiro de 1936, Cándido C. González é nomeado alcalde de Rianxo, pero nos comezos da Guerra Civil foi acusado de masón e, detido polas forzas represoras, será conducido ao cárcere de Santiago. Afortunadamente saíu en liberdade ao pouco tempo. Peor sorte tivo o seu fillo Candidito, que pola súa afinidade co partido galeguista, viuse obrigado a andar meses escondido para logo fuxir a Arxentina e morrer alá no desterro.

4 Casa de Castelao (Rúa de Abaixo)

Os Castelao e os Dieste tiñan os domicilios moi próximos, só se metía unha casa polo medio; podían comunicarse perfectamente desde as fiestras. Cabe pensar que esta proximidade propiciaría o compañeirismo entre Eduardo Dieste e Castelao, pero non foi así, porque cando Daniel vivía no Cabo da Vila xa se xuntaban para xogar. Eduardo, catro anos maior ca Daniel, nacera no Uruguai, pero criouse en Rianxo, na casa familiar da rúa de Abaixo. Despois, cando regresa de América Mariano Rodríguez coa familia, e consegue a veciñanza por parte do Concello, en maio de 1901, comeza a reedificar a casa da rúa de Abaixo. Así volverían estar os amigos máis próximos e irmandados.

Ambos estudaron en Santiago, Eduardo, en principio no Seminario, e despois Filosofía e Letras. Daniel, logo de rematar o bacharelato, ingresa na facultade de Medicina. Pero tanto un coma o outro sentíanse máis escritores e artistas que outra cousa. Cando coincidían en Rianxo sempre estaban argallando algún enredo.
En vida das irmás de Castelao esa casa funcionou coma un santuario do galeguismo. Por alí pasaron tanto históricos personaxes republicanos, como literatos e políticos da nova democracia. Pero unha vez desaparecida a irmá menor do autor de Sempre en Galiza,  esmoreceu o lume da galeguidade no fogar máis emblemático do nacionalismo. “A casiña de Rianxo”, que tan ben cantara o seu preclaro amigo Otero Pedrayo, quedou baleira e esquecida.

5 Casa dos Dieste. Rúa de Abaixo

Nos baixos da casa dos Dieste, que mira cara a ribeira, tiñan unha habitación á que lle chamaban o cuarto do medio. Alí é onde se xuntaba Eduardo cos amigos para ensaiar teatro, parodiando personaxes populares que frecuentaban a ribeira. Era coma un laboratorio de ideas con apuntamentos de figuras e caretas da xente curiosa que pululaba pola vila. Parte destas probas experimentais foron condensadas no libro de Eduardo Dieste Buscón poeta y su teatro, baixo a epígrafe de Tercera ristra de sucesos increíbles.

6 Casa dos Pérez. Museo Manuel Antonio

Hoxe é Casa Museo Manuel Antonio, propiedade do Concello. Esta foi a casa dos Pérez, familia do poeta Manuel Antonio (1900-1930). Recrea nos seus tres andares unha casa vilega e amosa nos seus andeis a biografía do alcumado poeta do mar. Alberga no primeiro andar unha colección de fotos de Rianxo de comezos do século XX feita polo seu curmán, o fotógrafo Pepito Pérez. No segundo recrea unha das habitacións co seu mobiliario e no terceiro andar vense os cadernos de bitácora da súa navegación náutica no Constantino Candeira ou no Gelria. Podemos ollar unha escolma da biblioteca, cos libros e revistas ás que se subscribiu, as cachimbas, a súa relación coas Irmandades da Fala, así como publicacións en diversas revistas literarias. Tamén se pode ver o célebre pacto de sangue co seu compromiso co galego ou o manifesto Os Novos.

7 Casa de Insua ou a “dos doce balcóns” (Rúa de Abaixo)

Esta vistosa vivenda de doce balcóns, repartidos entre a fachada da rúa de Abaixo e a do Calexón do Xudío, pertenceu por un tempo a Manuel Rodríguez Insua, casado en segundas nupcias coa viúva de Losada, Pilar Castelao Genme. Deste modo, os fillos de Pilar, tanto Xosé Losada Castelao, do primeiro matrimonio, como Manuel Rodríguez Castelao, do segundo, pasaron a ser coñecidos en Rianxo como os “irmáns Insua”, cando en realidade de Insua só era fillo un, Manolo.
Castelao sempre mantivo unha relación moi íntima con estes curmáns e con todos os amigos rianxeiros. Sempre estivo atento aos aconteceres políticos da vila. Poñamos por caso, en outubro de 1934, cando foron detidos en Rianxo once compañeiros galeguistas, acusados de extremistas e provocadores da desorde pública. Entre eles figuran Sixto Aguirre e os irmáns Insua. A noticia chegoulle cando estaba desterrado en Badaxoz.

8 Restaurante Feliciano (Rúa do Medio)

Creado por Feliciano Rial Fungueiriño no ano 1946, foi o primeiro lugar de Galicia onde soaron os compases da melodía que hoxe é considerada como o segundo himno galego: A Rianxeira, versión da mítica canción realizada por Anxo Romero e Xesús Frieiro Pinciñas no ano 1947, a instancias da Sociedad de Parroquias Unidas del Ayuntamiento de Rianjo en Bos Aires, e interpretada con instrumentos de corda polo Coro Castelao. Fora estreada para recibir ao honorable rianxeiro no porto bonaerense, ao seu regreso de París, a onde viaxara despois de ser nomeado ministro da República de España no exilio.
Esta casa ten o valor engadido de ser a última residencia dos curmáns de Castelao, os irmáns José Losada Castelao e Manuel Rodríguez Castelao, ata consumarse a traxedia da Guerra Civil.

9 Restaurante Bar Ela (Rúa do Medio)

Con motivo do primeiro aniversario da fusión da Sociedad del Ayuntamiento de Rianjo y Taragoña (unificadas), esta editou a revista social Rianxo, que dirixía o taragoñés José Otero Otero, animada polo estímulo representativo de Castelao que, en correspondencia, chegou a pintar un mural de considerables dimensións para decorar o centro social, local que era para eles coma o seu segundo fogar. Tamén para Castelao.

10 Casa dos Aguirre (Rúa do Hospital)

Vivenda e consultorio médico de Castelao.

Esta casa brasonada, que fundara en 1565 o fidalgo Gonzalo Fernández de Bastón, segundo indicou o propio Castelao, está situada onde comeza a rúa do Hospital. Era propiedade dos Aguirre (un dos Aguirre, Sixto, foi “paseado” en Palas de Rei, xunto a Camilo Díaz Valiño, pai de Isaac Díaz, en agosto de 1936). Cando decidiu establecerse na vila, Castelao escolleuna para instalar nela a súa consulta médica. Unha vez casado con Virginia Pereira Renda, en outubro de 1912, o matrimonio fixou nela a súa residencia. Había poucos meses que expuxera os seus cadros en Madrid, con boa acollida, tendo certas repercusións na vila: á volta do artista, un tal Manuel Otero, desde as pedras de Longras, lanzou ao aire unhas cantas ducias de bombas para darlle a benvida. Logo celebraron un banquete na súa honra. Aquí pintou algúns dos seus debuxos e cadros, entre eles o tríptico Contos de cegos, que lle encargara o seu amigo Enrique Peinador en 1914, para o hotel do balneario de Mondariz e que entregou en xaneiro de 1915.

11 Pazo do Martelo. Biblioteca Castelao

Pazo edificado na praza principal da vila (hoxe praza de Rafael Dieste) a finais da primeira metade do século XVII por Juan Faxardo de Andrade, que casara coa propietaria da torre dos Soutomaior existente no lugar, María Álvarez de Soutomaior.

Os tres escudos que posúe e os restantes de Rianxo, foron debuxados por Castelao, que os publicaría en 1933 na revista Nós. O edificio pasou por herdanza ao poeta Evaristo Martelo Paumán del Nero, autor de diversas composicións poéticas, entre as que destaca Lembranza, un canto á historia dos seus ilustres moradores. Da súa autoría é a célebre frase dirixida ao rapaz Castelao, cando estaba co seu tío, o carpinteiro Manuel Castelao Genme, no pazo. Díxolle: “Falar galego non é falar mal, é falar diferente”. Falecido en 1928, foi o último morador do edificio, agora bautizado como Pazo do Martelo. Hoxe en día alberga a Biblioteca Municipal co nome de Castelao.

A biblioteca Castelao, situada no pazo do Martelo desde o ano da súa restauración, en 1986, é o lugar idóneo para culminar esta ruta e poder ver os estantes cos libros do autor de Sempre en Galiza, xunto cos abundantes ensaios feitos por comentaristas políticos, literatos e dramaturgos, seguidores da súa obra. E de paso deleitarse coa lectura da simpática e cariñosa carta que o neno Daniel, con once anos, lles enviou do seu puño e letra e en perfectas rimas aos avós de Rianxo desde a perdida Pampa arxentina. Nela láiase dos problemas que ten coa ortografía.

12 Igrexa parroquial de Rianxo

Datar esta fermosa igrexa é complexo. O seu trazado gótico, con reminiscencias románicas, leva a pensar que sería construída entre os séculos XIII e XIV. O século que si está documentado é o XV. No edificio houbo grandes reformas en datas posteriores: a finais do XVI realizouse a sancristía e no XVIII (1727) o fermoso campanario barroco, aproveitando a pedra do derruído Castelo da Lúa
Castelao, que naceu na casa do seu avó José Ramón Castelao, foi bautizado nesta igrexa o 30 de xaneiro de 1886, cos nomes de Alfonso Daniel Manuel. Era o crego, José Magariños Oliveira. Aquí fixo a primeira comuñón e a confirmación, e tamén exerceu de acólito.

A raíz da súa morte, as súas irmáns Josefina e Teresa organizaron un funeral neste templo, o 20 de xaneiro de 1950. A asistencia foi numerosa por parte do pobo e escasa por parte de representantes académicos, apenas unha ducia de persoeiros do mundo das artes e das letras, e nula en canto a presenza de autoridades municipais e provinciais. O goberno franquista déralle instrucións moi precisas á prensa para que non resaltara con titulares a noticia da morte e menos a súa faceta de republicano galeguista.

Unha viñeta do campanario da igrexa parroquial de Santa Comba de Rianxo ilustra un entrañable relato de Cousas titulado Aínda eu non nascera.

13 Praza Principal (hoxe de Rafael Dieste)

Nunha casa desta praza residía a madriña de Castelao, Pilar Castelao, despois de casar co carpinteiro Juan María Losada (falecido en 1895), a onde procuraba ir o rapaz Daniel desde o Cabo da Vila, para divertirse.

Á volta da emigración, a mediados de 1900, a familia Castelao estableceuse nunha casa da rúa da praza, na número 8, posiblemente a de Pilar, onde estiveron residindo ata 1904, cando Mariano Rodríguez decidiu reedificar a actual da rúa de Abaixo.

Falecida Pilar (1930) e os seus fillos (1937), a casa pasaría aos Castelao, que lla alugarían a Álvaro Domínguez Baraja para instalar nela unha farmacia. Anos máis tarde foi vendida por Josefina e Teresa R. Castelao ao que fora axitador político na Compostela republicana, Xosé Carnero Valenzuela, para refacer a súa vida como boticario de Rianxo. Carnero presidira, durante a II República, o comité de centros republicanos da comarca de Santiago e nun mitin proclamara a independencia de Galicia e a instauración da República Galega. Unha tía del, con moito valemento ante Franco, salvouno do fusilamento.

Ademais de Pilar, residían na casa da esquina da praza, pegada ao adro, a parente Concepción Castelao, casada co xastre Manuel Otero. O fillo deles, Mariano Otero Castelao, un dos fundadores do Partido Galeguista de Rianxo e concelleiro da Fronte Popular, estivo a piques de ser “paseado” por membros da Falanxe. Anos despois, organizou en Vigo unha célula comunista e fuxiu posteriormente a Caracas co anarquista Xosé Velo. Volverían a cobrar protagonismo co soado secuestro do transatlántico Santa María.

Segundo ten asegurado Teresa, os seus antepasados paternos levantaron o fermoso cruceiro existente na actualidade no centro da praza, que se lle atribúe ao escultor de Noia, José Ferreiro.

14 Cine Iglesias, situado na praza Principal (hoxe desaparecido)

Cando Castelao e Bóveda visitaron Rianxo, en xullo de 1934, as mostras de cariño volveron a rexurdir entre a veciñanza, que agardaba na Ribeira a que chegasen procedentes de Vilagarcía. A “festa rianxeira” durou dous días, durante os cales ambos os dous dedicáronse a dar mitins na vila, en Asados e no Araño. Un dos actos celebrárono unha noitiña no Cine Iglesias, fundado neses anos por Vicente Iglesias, onde antes tivera unha xastrería (que se anunciaba no semanario liberal Buenas Noches), con entrada pola praza Principal, onde a xente se apiñou, polo que foi preciso abrir as portas para que puideran escoitalos desde a rúa. Ao final cantaron o himno de Galicia e o de Rianxo. Era tal o entusiasmo espertado que as persoas asistentes non daban abandonado o sitio. Cando os líderes galeguistas puideron saír foron seguidos pola multitude que non cesaba de dar vivas á República e a Castelao, polo que se viu obrigado a presentarse no balcón da súa casa da rúa de Abaixo para darlles a despedida.

Neste local tamén estrearía Rafael Dieste a Fiestra Valdeira en 1935. Na actualidade, nada queda deste cine, só unha casa levantada posteriormente no mesmo soar.

15 Casa Rañó (Cabo da Vila)

A que fora casa-taberna Rañó, situada no Cabo da Vila, a pouca distancia da casa onde nacera Castelao, propiedade naqueles anos de dona Carme Pérez Tarrío, era o centro de reunións dos federais-galeguistas, partido que fundaran, entre outros, os curmáns de Castelao, os Insua, por iniciativa de Daniel. Nese local celebraron, en setembro de 1932, un banquete de homenaxe a Castelao, cando este chegou á vila para dar un mitin a prol do Estatuto de Galicia.

Na casa-taberna residira, ata a súa marcha a Arxentina, un dos redactores de El Barbero Municipal, que financiara o pai de Castelao, José Benito Rañó Alcalde, home de Carme Pérez. Un fillo deles, Germán Rañó, ao remate da guerra pasou a fronteira polos Pirineos e foi parar a un campo de concentración na costa oeste francesa, onde se encontrou con Rafael Dieste. Unha vez liberados, embarcaron camiño do exilio americano.

16 Casa natal de Castelao no Cabo da Vila

Castelao naceu na casa de seu avó materno, José Ramón Castelao Vidal, situada no Cabo da Vila, número 29, o venres 29 de xaneiro de 1886, ás 10 da mañá. O seu pai, Mariano Rodríguez Dios, contaba con 27 anos, e a súa nai, Joaquina Castelao Genme, 28. O seu tío paterno, Manuel Rodríguez Dios, de oficio barbeiro, con residencia na rúa de Abaixo, número 26, foi o encargado de ir a anotalo ao xulgado. Foi bautizado ao día seguinte.
Nesa casa pasaría os primeiros anos de vida, con frecuencia escoitaba tocar as buguinas que anunciaban a chegada dos barcos cargados de peixe e as campás da igrexa chamando a xente aos actos relixiosos.

A primitiva casa do Cabo da Vila foi demolida no 1900 pola avoa Teresa, viúva neses intres de José Ramón Castelao, que falecera no mes de agosto do ano anterior. Construíu unha nova, con fachada con catro ventás e dúas portas, tal como está na actualidade.
Con motivo de cumprirse o I centenario do seu nacemento (1986), colocouse nesta vivenda unha placa que recorda que alí veu ao mundo o ilustre fillo de Rianxo.

17 Busto de Castelao

Por desexo de Teresa R. Castelao, o busto en bronce do seu irmán, promovido polos emigrados do Uruguai e doado á vila de Rianxo polo Padroado da Cultura Galega de Montevideo, erixiuse nun dos xardíns da Ribeira en setembro de 1975. A idea é que puidese verse desde a fiestra da casa paterna que dá á Ribeira. É obra do escultor Xosé Escudero Couceiro, e a base, en pedra, de Alfonso Sanmartín. Ao acto da inauguración asistiron, entre outros, o amigo de Castelao e dos rianxeiros, Ramón Otero Pedrayo, aínda que non pasaba por bos momentos de saúde; semanas antes estivera hospitalizado e xa avisara: “Eu teño que ir a Rianxo aínda que sexa nun cadaleito”. Foi a derradeira vez que asistiu a un acto público.

Ese 27 de setembro, Rianxo quedou tomado polas forzas policiais para controlar a avalancha de universitarios afíns ao Partido Comunista, activistas e obreiros sindicalistas, que chegados de diversas partes, sobre todo de Ferrol, encheron a vila de bandeiras galegas e vocearon proclamas contra o Proceso de Burgos, que tivera lugar recentemente. Actualmente este lugar é un punto de encontro para celebracións de aniversarios e de toda clase de manifestacións políticas de grupos nacionalistas, galeguistas, ou doutros de matiz esquerdista.

18 A Ribeira

A Ribeira, que non contou cun peirao axeitado ata os finais dos anos 30, era o lugar preferido polo artista á hora de tomar apuntamentos dos mariñeiros. Alí chegara Castelao, acompañado de Suárez Picallo, Paz Andrade e unha numerosa comisión de veciños, que foran esperalo ao porto de Vilagarcía para celebrar a Gran Diada Galeguista o 18 de setembro de 1932. Foi aclamado mentres soaban multitude de bombas de palenque, aos sons da banda de música. Partindo do pequeno peirao da Rabaleira, a comitiva percorreu as rúas ata a Casa Rañó, desde cuxo balcón “hubieron de dirigir la palabra al público”. No banquete de rigor, o seu amigo Arcos Moldes pronunciou un “sentidísimo brindis”, acto no que entoaron o seu Himno a Rianxo. Así o recorda nunha posterior publicación:

Cando se proclamou a República lanceime á política e saín Diputado das Constituíntes. A miña vila quixo agasallarme e alá fun eu.  Desembarquei baixo o estrondo das bombas e o entusiasmo dos vellos amigos, que acugulaban o peirán e a ribeira. O azougamento non me deixaban camiñar, e se sodes sentimentaes comprenderedes a miña emoción, porque a vila natal non é coma todal-as vilas. Cheguei á casa de meus pais e na veira da porta vin a unha muller... Era  gorda de ventre, de pernas e de brazos; a cara inflada e bermella, a boca sen dentes, a postura de regateira. Miroume fite a fite, cos llos mergullados en bágoas, e ô pasar acarón d¨ela sioume con voz estremecida estas verbas: ¡Meu bailador!
(Castelao Retrincos – Sabela)

19 Peirao de Setefogas

É o peirao máis antigo do concello, data de mediados do século XIX, aínda que a traza actual é de comezos do XX. Foi en 1903 cando se lle adxudicaron as obras da súa reparación e ampliación a Ramón Fernández García, de Cespón, pai do que será un grande amigo de Castelao, compañeiro na facultade de Medicina e na tuna de Santiago: Ramón Fernández Mato. Foi el o encargado de presentar a Castelao e a Eduardo Dieste, en 1911, nunhas conferencias de arte celebradas en Santiago e Vigo.

En política foron por camiños distintos, mentres Castelao seguiu co compromiso galeguista ata as últimas consecuencias, Fernández Mato non tiña as ideas tan claras. En principio era de Portela Valladares, e dirixiu o seu periódico El Pueblo Gallego en Vigo. Despois foi seguidor de Casares Quiroga, que o nomeou gobernador civil de Ciudad Real e Jaén; e tamén foi director xeral de Seguridade. Cando comezou a Guerra Civil do  36, foi perseguido por ambos os bandos. Tanto os franquistas coma os republicanos pedían a súa cabeza. Ao final, os dous excompañeiros víronse obrigados a escoller o camiño do exilio, como un mal menor. Mato regresou a Galicia nos anos sesenta, asentouse en Vilagarcía de Arousa e deixouse querer polo franquismo.

20 Os escudos de Rianxo

Rianxo foi coñecida como a ‘vila dos escudos’ pola cantidade de labras heráldicas que posuía dentro dun espazo tan reducido. Temos que remontarnos aos descendentes de Paio Gómez Chariño para atopar os primeiros escudos medievais que despuntaron na fortaleza dos Soutomaior, e logo facer un seguimento da fidalguía que se foi asentando en épocas sucesivas, sobre todo no Antigo Réxime, debido a que a xurisdición de Rianxo abarcaba o dobre de terra da actual. Chegaba a coller parte dos concellos de Boiro, Lousame e Dodro. Foron moitos os señores feudais que se estableceron na vila e nos arredores para gozar das rendas e prebendas que proporcionaban o campo e o mar.

Castelao percorreu toda a vila en busca de casas brasonadas e debuxou as pedras armeiras das fachadas de 31 vivendas, incluídas dúas do Araño e Asados. Cómpre facer un percorrido polas rúas para darnos conta desta riqueza heráldica que nos fala dun pasado de gloria e poderío. Castelao deixou rexistrados trinta e un dos corenta e un que había daquela no concello de Rianxo; pero a día de hoxe hai tres desaparecidos, dous en Rianxo e un no Araño. Afortunadamente si que se recuperou outro de entre os cascallos do Castelo da Lúa co rexistro dos Soutomaior, que foi colocado recentemente nos baixos do Auditorio Municipal. Tamén hai o caso de algún que foi cambiado de casa e lugar desde a publicación de Castelao e Bouza.

21 Casa de Arcos Moldes (A Fincheira)

Nada queda da casa da rúa do Hospital, a poucos metros da graneira de Mariano Rodríguez, onde residiu o “mestre sen escola”, Don Xosé Arcos Moldes, compadre de Castelao. Este foi lugar de múltiples xuntanzas da mocidade ilustrada e mariñeira do Rianxo de comezos do século XX, ás que asistía o propio Castelao cando estaba na vila. Durante unha desas reunións, decidiron crear, en xullo de 1910, o semanario conservador El Barbero Municipal, que durou ata marzo de 1914. Na cabeceira figuraba Arcos Moldes como director da publicación, Alfonso R. Castelao como director gráfico e administrativo e Rañó Alcalde como redactor.

22 Graneira do pai de Castelao (A Fincheira)

Levantada en 1919, na finca que o pai de Castelao lle mercara na Fincheira ao seu cuñado Juan Castelao Genme. Unha vez rematada a obra, o concello, “inspirado” polo secretario da Deputación da Coruña, Viturro Posse, con poder nas dependencias municipais, tomou a decisión de que fose demolida. Cando os canteiros contratados para o derribo procederon ao seu traballo, atopáronse coa oposición de boa parte das mulleres da vila, que se botaron á rúa para evitalo.

23 Cemiterio Municipal de Rianxo (Camiño de Tanxil)

Onde repousan os restos dos pais de Castelao (o pai falece en 1932 e a nai en 1945) e irmás, así como outros familiares, como os avós José Ramón Castelao (1899) e Teresa Genme (1917), que “mimara” tanto ao rapaz; o tío Francisco; a tía Pilar (1930); o tío “Juanito” (Juan Ramón Castelao Genme, que retornara enfermo da emigración Arxentina, onde presidira o Centro Unión de Patronos Carpinteros de Rosario de Santa Fe, que falecera en 1912); e os curmáns Insua, recuperados en xuño de 1998, a quen Castelao quería  “como si fosen irmáns meus”, mortos traxicamente en abril de 1937 no porto de Vigo, cando tentaban fuxir nun barco para a zona republicana. Neste camposanto repousan tamén os grandes amigos, entre outros Rafael Dieste, Manuel Antonio, Roxerius e Arcos Moldes.

24 Campo de concentración de prisioneiros de guerra. (Antiga fábrica de Salgadura do Castillo)

A mediados do século XIX, o catalán de Barcelona Juan Goday y Gual, levantou nese lugar ermo unha fábrica de salgadoiro de sardiñas que gozou de gran reputación, non só a nivel nacional, senón que traspasaba as fronteiras ata Francia e Italia. A familia Goday mantivo operativa a conserveira ata o ano 1917. O seu peche supuxo un duro golpe para a economía local, onde traballaban regularmente 30 homes e 80 mulleres. Posteriormente pasou por varios donos. Esta nave industrial, situada nun promontorio cara a ría de Arousa, a medio camiño entre o Cabo da Vila e a Punta Fincheira, era un punto batido polos ventos costeiros; só en días de bonanza pasaba por alí a veciñanza a ver se regresaban os barcos de pesca.

Non se podían imaxinar Castelao nin os seus amigos rianxeiros, que corricaban alegres polas proximidades do Castillo, que un día aquela paraxe se convertería nun lugar triste e horrendo para os seus correlixionarios por mor da Guerra Civil.

Sobre a vida dos presos no Campo de Concentración, coinciden diversas testemuñas en falar de fame, amontoamento (chegaron a ser 1.046 homes), enfermidades, malos tratos, falta de hixiene, pragas de piollos, falta de duchas e retretes (resolto a base de gabias) e auga escasa (transportada en pipas desde a fonte do Cabo da Vila).

No ano 2003, o Concello de Rianxo rendeulles unha homenaxe aos prisioneiros, con asistencia de familiares, maioritariamente de Asturias e Cataluña. Descubriuse unha placa conmemorativa, onde figura esculpida esta lenda:

Neste lugar, para maior ignominia e desprezo da condición humana existiu un Campo de Concentración entre 1937 e 1939. Este monumento é homenaxe ós prisioneiros republicanos que nel sufriron e morreron. O pobo de Rianxo. Outubro 2003

25 Capela de San Xosé da Foresta  (Rianxiño)

Capela de San Xosé, ou do Patrocinio, que fundara en 1665 o fidalgo Jacinto Varela Becerra Caamaño Sotomayor, conserva na súa fronte os dous escudos da familia, que recollera co seu lapis Castelao. Nun deles, o da impoñente serea dos Mariño, inspirouse o artista para o seu proxecto de escudo de Galicia. Por un tempo a imaxe da Virxe de Guadalupe estivo entronizada no seu altar, ata que por problemas da propiedade do templo, foi instalada definitivamente na Capela da Cruz, hoxe coñecida como Capela da Guadalupe.

26 Pazo de Manuel Viturro

Situado en Rianxiño, foi edificado polo “mestre de arquitectura” Antonio Barros, no século XVIII. Foi herdado por Manuel Viturro Rivela, de Isorna, e logo pasou ao seu fillo, Manuel Viturro Posse (Noia, 1860). Inimigo declarado do pai de Castelao, foi obxecto de moitos ataques desde El Barbero Municipal.

Viturro foi un personaxe de carácter impetuoso e caciquil, demostrado durante a súa etapa turbulenta de alcalde en Noia. A partir de 1904, ocupou a secretaría da Deputación da Coruña, destino no que puido satisfacer os seus intereses persoais. Foi considerado como o home forte da política coruñesa.

“En la Diputación ejerció de todo: de secretario, de presidente... y no sabemos si hasta de gobernador”.

Actualmente, o pazo pertence ao Concello. Na súa finca atópase un grandioso hórreo integramente labrado en granito.

27 Chalé de Ángel Baltar. Altos de Tanxil

Situado nos altos de Tanxil, este chalé comezouse a edificar a partir de ser autorizado polo Concello, en setembro de 1913. Os traballos estiveron a cargo do mestre de obras de Santiago, Perfecto Fontán, e do canteiro de Rianxo, Manuel Iglesias Eiras. O arquitecto foi Eduardo Rodríguez Losada.

Ángel Baltar, prestixioso médico, con consulta en Santiago, mantivo boa amizade coa familia Castelao, decisiva á hora de escoller Tanxil como lugar de veraneo. Mariano Rodríguez e os fillos eran invitados con asiduidade á nova casa e a pasear no seu iate pola ría. Baltar operou duns ganglios a Castelao, en maio de 1911.

Por este chalé pasaron ilustres médicos e homes de ciencia da Universidade de Santiago e doutros centros docentes de España, amigos do doutor Baltar.

28 Praia de Tanxil

Tanxil é un espazo máxico, que alentou historias de aparicións como as do “porviso” e do “urco”. Figuras fantasmagóricas que utiliza Rafael Dieste na súa peza teatral A fiestra valdeira, recollidas da boca da xente.

Arredado do núcleo urbano, en noites de invernía era lugar propicio para dar renda solta á imaxinación. Os mariñeiros pasaban parte do día e da noite no areal para faceren os labores propios do seu oficio: secar redes, coller a mellor posta da secada, limpar embarcacións...
As historias foron a menos a partir de comezos do século XX, coa mellora dos accesos á finca do doutor Baltar. A construción do chalé humanizou o contorno. E sacralizou o lugar a imaxe da Virxe de Guadalupe, outeando a ría para espantar medos e dar protección aos pescadores. A singular representación pétrea, obra do escultor Asorey, instalada en 1932, foi retirada do pedestal hai uns anos pola familia Baltar, polo que o lugar perdeu o encanto para a procesión marítima que, cada ano polo mes de setembro, recibía a visita da outra Guadalupe, a oficial, esculpida en papel cartón polo frade xerónimo Xosé de Santiago, no século XVIII, que se venera na capela do seu nome.

29 Areal de Tronco

Estaba no certo Antonio Fraguas cando afirmou que a praia, o peirao, os homes do mar e os barcos “fixeron os grandes e profundos camiños de todos os andares de Castelao”. Tronco e O Porrón eran dos lugares preferidos polo seu avó para ir pasear, pescar ou mariscar, e serían para o rapaz motivos de diversión cando o acompañaba. Mentres esperaba, xogaría no mar cun barquiño de cortiza, ou co de pau que lle fixera o tío carpinteiro.

Era un rapaciño e aínda non se decatara das desgrazas que ese mesmo mar ocasionaba con demasiada frecuencia nos días da invernía. Andado o tempo viviría de cerca o drama dos afogados, ou ben os coñecería por boca dos máis anciáns, como é o caso da siña Sinforosa, unha mandadeira que cada día facía a travesía de Rianxo a Vilagarcía, e tiña para todos os defuntiños un rosario de padrenuestriños, avemarías e salves.

30 Punta do Porrón

O Porrón é un punto da costa, no límite entre Rianxo e o lugar de Brión de Leiro, próximo á desembocadura do Ulla, que pola súa perspectiva ten a forma deste recipiente. Situado entre o castro de Monte Verde, ou da Portela, é o illote de Salto Ladrón, forma un areal de augas mansas, propicias para o recreo do baño ou da pesca desde os pródigos baixíos. Así o entendía o avó do neno Daniel cando o levaba a ese sitio a pescar e que logo botaría de menos no tempo en que estivo na emigración.

31 Aldea maldita de Abuín (Leiro)

Nada se sabe con certeza que puido acontecer no pasado para que esa fermosa paraxe, inmediata ao núcleo rural de Abuín, fora considerada como “aldea maldita”. Nos libros vellos da parroquia non hai referencia algunha. Só quedan testemuños orais que se van transmitido por xeracións e que contribúen a agrandar o temor que inspira o abandono secular desas casas. Chama a atención que, mentres a poboación foi crecendo noutra dirección, nesa zona ninguén se atrevera a erguer os muros deses fogares, hoxe camuflados baixo mantos de silvas, hedras e loureiros, para tapar penas e oprobios. Castelao, sen citar o topónimo nin o inmisericorde apelativo, deixounos un suxestivo relato que acrecenta máis o misterio: Camiño esquecido.

32 Castro Barbudo (Taragoña)

Este castro da parroquia de Taragoña e que linda coa do Araño, espertou o interese do noso artista desde a súa etapa máis rianxeira, talvez pola singular configuración orográfica, rematada en planicie, e polas referencias folclóricas que ofrece. Así tomou del diversos apuntamentos, posiblemente desde Asados, para posteriormente plasmalos en cadros, especialmente de temática de cegos. Por exemplo, Camiño da festa de Guadalupe (óleo que enviaría aos emigrados de Rianxo na Arxentina), Cegos (óleo) e Conto de cegos (acuarela), ou O cego de Taragoña.
O Castro Barbudo, a duras penas conserva máis que restos ciscados das pedras das murallas, que deron vida a esa civilización castrexa desde a Idade do Ferro ata a romanización. Pero o seu cume, de máis de trescentos metros, ofrécenos a posibilidade de gozar das mellores vistas panorámicas da ría de Arousa.

33 Cruceiros: adro da igrexa de Asados

Vemos a un Castelao rescatando do esquecemento a arte popular dos cruceiros, e poñendo en valor o instinto imaxineiro dos canteiros cuns debuxos determinantes, como son os de As cruces de pedra na Galiza, seguidos dun estudo comparativo polo sur da costa oeste francesa, que publica co título de As cruces de pedra na Bretaña.

Existen outras cruces e cruceiros, que chamaron a atención do noso artista debuxante, entre os que cabe citar tres na propia vila de Rianxo, e outros dous na Pedreira e nas Cortes. No Araño tres, nos lugares de Miráns e Outeiro; en Taragoña, dous, en Ourolo e Laxe Pequena. En Leiro, tres (un deles en Brión).

FOLLETO

Este folleto publicado polo Concello de Rianxo e a Deputación da Coruña recolle algúns dos puntos do percorrido.