Praias

Praias - omarfeitotradicion

Praias

Un dos atractivos para aqueles que visitan Rianxo, sobre todo para os que viaxan en familia, son as praias, xa que son de augas tranquilas e sitas en espazos naturais.

A principal praia do Concello en canto a número de visitantes, servizos (servizo de salvamento, duchas, aseos, aparcadoiro, restaurantes, auga potable, etc.) é a praia de Tanxil, a máis próxima ao casco urbano.

Preto de Tanxil está a praia de Tronco, praia tranquila e pouco concorrida, sita aos pés dunha escarpada parede cuberta de vexetación.

Unha fermosa e tranquila praia nun entorno natural privilexiado, preto da desembocadura do río Ulla, é a praia das Cunchas, con servizo de salvamento, posto de bebidas, aparcadoiro, baños, etc.

Separada desta por unha franxa de terra, chamada a Punta do Castro, que alberga un antigo asentamento castrexo, está a praia do Porrón, unha das máis longas do Concello.

Non obstante, a praia posuidora deste privilexio é a praia da Torre, sita na parroquia de Taragoña, ao lado da desembocadura do río Té, e na que remata o Paseo Marítimo que vén desde Rianxo. Preto do lugar atópanse as ruínas medievais do Castelo da Lúa, próximas tamén a outra praia, a praia do Pazo, a cal conta con magníficas vistas á enseada de Rianxo.

Ademais, Rianxo conta con pequenos areais agochados, enfrascados en paraxes naturais e moi tranquilos, como as fermosas calas da desembocadura do Ulla, Abuín e Sartaxes, a praia de Quenxo, entre Tanxil e Punta Fincheira, a praia de Leiro, nas inmediacións do porto da parroquia de Leiro, e a praia do Porto, sita no porto da parroquia de Taragoña, que conta con fermosas vistas á ría de Arousa e á ría de Beluso.

Tanxil

A principal praia do Concello en canto a número de visitantes, sendo ademais a máis próxima ao casco urbano. Conta con parque e servizo de salvamento, duchas, aseos, aparcadoiro, restaurantes e teléfono.

Nas inmediacións atópase o Pazo de Baltar, ao que pertenceu o dique e aínda pertence a escultura da Virxe de Guadalupe de Asorey, agora retirada.

A praia de Tanxil é unha praia libre de fume de tabaco​​​​​​​.

 

As Cunchas

Fermosa e tranquila praia nun entorno natural privilexiado preto da desembocadura do Ulla. Conta con servizo de aparcadoiro, posto de comidas e un piñeiral onde poder estar á sombra. Próxima a esta praia atópase a praia do Porrón, separadas ambas por unha franxa de terra.

Preto do lugar atópanse un castro e os petróglifos dos Mouchos, de obrigada visita.

A Torre

A praia máis longa do Concello, situada na desembocadura do río Té na parroquia de Taragoña e ata a que chega o paseo marítimo. Conta cos servizos de chiringuito e aparcadoiro, e conta con ampla zona de recreo con merendeiros.

Preto do lugar, atravesando a ponte sobre o río, atópanse as ruínas do Castelo da Lúa e o porto do Pazo.

O Porrón

Unha das praias máis longas do Concello, nun entorno agradable e moi preto da praia das Cunchas, de augas tranquilas moi concorrida por familias con nenos. Accédese a ela desde Brión.

Separando esta praia da das Cunchas, a punta do Castro alberga un antigo asentamento castrexo.

 

Praia do Pazo

No entorno do Paseo Marítimo e próxima ao Castelo da Lúa, unha boa  praia con vistas á enseada de Rianxo

 

Praia de Quenxo

Entre a praia de Tanxil e o paseo de Fincheira está situada a praia de Quenxo, moi próxima ao casco da vila e máis tranquila que a veciña Tanxil. Está dominada pola escultura da Virxe de Guadalupe obra do escultor alemán Bert Gerresheim.

 

Pria do Porto

No porto de Taragoña atópase esta pequena cala con vistas á ría de Arousa e á ría de Beluso.

Tronco

Tranquila praia pouco concorrida situada preto de Tanxil nunha zona de vivendas unifamiliares e preto do Cámping Rianxo, aos pés dunha escarpada parede cuberta de vexetación.

 

Abuín e Sartaxes

Fermosas calas da desembocadura do Ulla que ofrecen unhas magníficas vistas do río.

 

Praia de Leiro

Situada nas inmediacións do porto de Leiro, xeitosa praia con boas vistas da desembocadura do río Ulla.