Petróglifos

Petróglifos - O Mar Feito Tradición

Petróglifos

Os petróglifos ou gravados rupestres son ben abundantes no Concello de Rianxo. Na actualidade están catalogadas 59 estacións rupestres, moitas formadas por varias laxes con gravados, que dan lugar a conxuntos bastante homoxéneos. Os motivos que aparecen son os habituais nos petróglifos galegos: cazoletas, círculos concéntricos, figuras xeométricas...; pero os máis característicos son as representacións de animais, especialmente cérvidos machos con cornamenta, e as armas. No tocante á interpretación dos restos temos que salientar que as imaxes son froito dunhas condicións sociais, económicas e culturais que quedan reflectidas na rocha. En xeral, a posición máis común coa que se figuran os animais soe coincidir coa posición coa que o ollo humano acostuma a percibilos.

Cómpre sinalar que os únicos temas que permiten fixar cun mínimo de rigor a cronoloxía dos gravados rupestres son as armas e os ídolos-cilíndros. Dentro das armas, tanto as alabardas coma as espadas curtas e os puñais, remítennos ao III milenio e ao primeiro tercio do I milenio; é dicir, aos primeiros tempos da metalurxia.

O complexo rupestre de Rianxo distribúese pola zona occidental da Península Rianxeira, entre as parroquias de Leiro, Rianxo e Asados. As altitudes nas que se atopan varían entre os 60 e 100 metros, que supoñen a transición entre as zonas altas do monte e as chairas litorais onde se instalaban os cultivos.

Este complexo rupestre vénse engadir aos xa coñecidos de Catoira, Bamio e Vilanova de Arousa na provincia de Pontevedra, e Lesende, Cubeliño, Loxo, Axeitos e Bealo na da Coruña, todas elas na ribeira da ría de Arousa. Destaca a similitude dun tipo de cuadrúpedos de tamaño medio-grande e corpo rectangular gravado nun só trazo, con patas lineais engadidas ao corpo, que dan en pensar nun estilo común coñecido como o tipo arousano.

Nesta sección amósanse os grupos máis importantes, que constitúen zonas amplas con gravados. Hai máis petróglifos no concello, pero trátase maiormente de laxes illadas ou pequenos grupos. Hai que ter en conta que moitos non son sinxelos de atopar, especialmente se a vexetación está alta e dependendo tamén da dirección da luz solar. Moitos dos grupos son extensos e non se limitan á localización no mapa, senón que se estenden polos arredores en áreas, nalgúns casos, bastante extensas.

Existen multitude de achados máis, algúns descubertos recentemente, en Abuín, Brión, Monte Picoto, Monte Lioira, Isorna, Monte Ceán, Torral, Castiñeiriña, Rego do Floxo (Taragoña), Monte Pedride, Quintáns, Rianxiño, enseada de Leiro, ... pero trátase polo xeral de rochas illadas e con gravados difíciles de apreciar a simple vista na maioría dos casos.

Algúns datos e as imaxes foron obtidos de Un complexo de gravados rupestres en Rianxo, A Coruña, de Xoán Andrés Fernández Castro, Pedro Piñeiro Hermida, Ramón Ces Castaño (Brigantium, Boletín do Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña; volume 8, anos 1993/94).

Os Mouchos

É quizáis o grupo de gravados máis interesante e máis fácil de atopar. Está situado preto da pista asfaltada que leva dende Brión á praia das Cunchas; na penúltima curva á dereita antes de chegar á praia. Desta curva sae unha pista de terra que leva de novo ao lugar de Brión. Entre esta pista e o peche dunha casa, a uns metros do muro desa casa en dirección leste.

Hai varias rochas que conteñen gravados, entre as que destacan:

  • Cervo de cornamenta adulta no que se observa unha liña a xeito de colar (circunstancia bastante rara).
  • Posible escena de equitación con "atención" dos animáis que a rodean.
  • Un cervo de gran tamaño nunha laxe case vertical coas características do que se deu en chamar "zoomorfo tipo Rianxo"; tipo longuilíneo, pescozo alongado e extremidades de tres liñas.
  • Escena de contido sexual, onde un macho semella perseguir unha cerva.

Máis ao sur deste grupo de petróglifos, atópanse outros dous máis pequenos: Sobrelodeiro e Fexó. Trátase dos petróglifos máis próximos ao mar do concello.

 

Os Campos

Grupo de gravados que se espallan por unha extensa zona da parroquia de Leiro, entre A Pedreira e A Devesa de Rianxiño, que se estende cara ao noroeste ata o curuto do Alto do Corniño. Accédese a eles dende a estrada Rianxo-Catoira; ao pasar o lugar das Cortes, e antes de chegar á Pedreira, por unha pista asfaltada a man esquerda que despois pasa a ser de terra. Toda esa zona está infestada de gravados espallados en laxes, e esténdese en dirección norleste.

Os gravados máis interesantes son:

  • Un grupo de gravados non prehistóricos, probablemente feitos polos canteiros que traballaban aquela zona, e nos que se pode ler, entre outras marcas, o topónimo "Rianjo", o que fai pensar que poida ser unha marca da delimitación da parroquia.
  • Escena de loita entre dous cabalos (ou cervos en período de caída da cornamenta).
  • Unha posible escena de caza na que varios animais parecen fuxir en manda na mesma dirección, mentres outro queda atrás ferido e outros parecen mortos sobre o camiño.
  • Outro enorme cervo de características moi similares aos grandes anteriores.
  • Posible femia preñada.
  • Cervo macho en actitude de bradar.
  • Animal con aspecto de felino.
  • Na rocha máis septentrional deste conxunto, unha colección de cuadrúpedos, outro felino e outro antropomorfo moi similar ao dos Mouchos.

Rianxiño

Este grupo consta dunha única rocha, moi próxima ao Castro de Rianxiño. É unha rocha moi diaclasada que contén liñas curvas e cazoletas.
 

A Foxa vella

Un dos primeiros gravados descubertos no concello. Localízase nunha laxe próxima á vía rápida, aos pés do Monte da Pelotiña. Consta de espirais, cruces e cazoletas. Preto, na vertente sur do Monte da Pelotiña, preto do cumio, atópase outra rocha con gravados.