Igrexas

Igrexas - O Mar Feito Tradición

Igrexas

Santa Comba de Rianxo

 

A Igrexa Parroquial de Santa Comba de Rianxo é unha igrexa gótica iniciada a finais do século XV e é quizáis unha das máis interesantes da comarca. Consta de nave central, capela maior, dúas capelas laterais, dúas sacristías (a "sacristía vella" e a nova sacristía, máis recente, nun corpo adosado na parte posterior) e torre campanario. As súas dimensións exteriores son de 33,50 por 25,65 metros.

A nave principal é de bóveda apuntada e divídese en catro tramos con arcos tamén apuntados. Presenta tribuna de recente construcción á que se accede por escaleira escaleira espiral, a mesma que accede ó campanario.

A capela maior presenta bóveda de crucería. Destacan o retablo barroco, a pila bautismal e o Cristo de madeira que xace no altar maior, a modo de urna.

A porta principal pertence ó estilo plateresco, ó igual que as portas laterais. É de arco de medio punto con arquivoltas e ten repisas para figuras xa inexistentes. O tímpano representa a Cristo amosando as xagas e anxos tocando trompetas. A fachada tamén presenta rosetón e está rematada en piñón cunha cruz.

Os muros laterais presentan contrafortes escalonados. A cornisa contén unha curiosa colección de figuras antropomorfas variadas en actitudes pecadentas.

A torre, construída probablemente a principios do XVII, álzase no lado esquerdo da fachada; é barroca e alberga o campanario e un reloxio.

Á esquerda do terceiro tramo da nave principal ábrese unha capela lateral construída en 1675 por un membro da familia Bastón. Presenta sepulcro e escudo e cúpula esférica. Nesta capela atópase a imaxe do Nazareno.

Á dereita do cuarto tramo ábrese outra capela lateral con bóveda de arista na que se atopa un retablo posiblemente neoclásico coa imaxe da Virxe das Dores, quizáis a máis bela das que se conservan na Igrexa.

Dende o altar maior accédese á "sacristía vella", con bóveda de crucería e porta exterior. Entre a capela lateral do terceiro tramo e esta sacristía está a antiga capela lateral esquerda, que presenta un escudo no frontal, e que carece de uso público actualmente.

Santa Baia do Araño

A igrexa do Araño, do século XVII, consta dunha soa nave de planta rectangular dividida en catro treitos por tres arcos faixóns de medio punto apoiados sobre pilastras. O último treito corresponde ó presbiterio, lixeiramente máis estreito e máis baixo. Unha liña de imposta marca o comezo da bóveda de canón que cobre toda a nave. Antes da ábsida aparecen dous pequenos altares laterais incrustados no muro nun oco formado por un arco de medio punto. Nos pés da nave atópase a tribuna á que se accede a través dunha escaleira incrustada no muro.
 

No exterior o volume é case prismático, xa que o altar a penas destaca, tan só a sancristía engadida na cabeceira do mesmo, cunha menor altura e muros de cachotería. As súas dimensións máximas son de 11,45 por 31,60 m. A fachada pincipal carece de adornos. A porta ten un arco de medio punto e sobre esta un oco cadrado de iluminación. No lateral dereito da fachada aparece a torre-campanario, de planta cadrada e dividida en tres corpos; o inferior non presenta decoración, tan só a porta de acceso. O último treito está formado por unha cúpula sobre un tambor de sección octogonal.

A Igrexa consérvase en bo estado, cunha recente restauración da cuberta. Nos anos 30 foi substituída a tribuna orixinal de madeira pola actual de albanelería. Está rodeada polo cemiterio, formado por nichos de xeito graduado para salvar o desnivel do terreo

Santa María de Asados

É un templo de gran interese polas solucións arquitectónicas que presenta. Construída no século XVI, mide 32,00 metros de longo e 13,90 de ancho (dimensións máximas exteriores). A sacristía e capelas laterais son de construcción máis recente, e a torre data do século XVIII. Presenta planta de cruz latina, co brazo transversal moi curto. Ten dúas capelas laterais de pequenas dimensións e unha terceira dependencia onda ó altar maior. As naves confórmanse de bóvedas de cañón sobre arcos de medio punto; no cruceiro a altura é menor e a bóveda de aresta. As sancristías nova e vella tamén presentan bóveda de cañón.

A fachada principal reconstruiuse no século XVIII. A torre campanario ten grandes dimensións e está situada no eixo da fachada, algo pouco común nesta zona, e divídese en cinco treitos, de planta cadrada; o primeiro corresponde á entrada mesma da igrexa, porta rematada con arco de medio punto, pilastras e frontón triangular partido pola fornela que contén unha imaxe da Virxe.No terceiro corpo encóntrase o campanario propiamente dito que remata cunha pequena cúpula.

Existe unha entrada lateral e algúns ocos de iluminación; ós pés da nave sitúase o coro de madeira. A cuberta é a dúas augas de tella do país; destaca volumétricamente o cruceiro, cuberto a catro augas

San Salvador de Taragoña

É a igrexa de máis recente construcción do Concello, anque se descoñece o ano de construcción. As súas dimensións máximas exteriores son 15,75 por 28,00 metros.

Consta de planta rectangular cunha soa nave e dúas pequenas capelas laterais de planta cadrada. O acceso ó presbiterio faise a través dun arco de medio punto apoiado sobre pilastras, ó igual que as dúas capelas, cubertas por bóvedas de canón. A nave principal cóbrese cunha falsa bóveda de canón rebaixada; na cabeceira ten engadida a sacristía, que non destaca volumétricamente ó exterior. Ós pés da nave hai un coro de madeira.

No ano 1863 acométese a reconstrucción da actual fachada, composta por dúas pilastras laterais que sosteñen un frontón triangular; componse ademáis dunha porta de acceso e un oco semicircular sobre ela. A cuberta é a dúas augas, con tella curva.

No ano 1865 constrúese a torre-campanario. De planta cadrada, situada nun lateral da nave, entre esta e unha capela. Composta de tres corpos, vai diminuindo a sección; o último é octogonal rematado en cúpula. Ten acceso dende o exterior e lixeira decoración.

O estado de conservación é bo. Está rodeada polo cemiterio, de grandes dimensións.

Santa María de Leiro

A Igrexa Parroquial de Santa María de Leiro é un templo románico do século XVII que presenta unhas dimensións exteriores máximas de 24,20 por 9,70 metros.

Consta dunha única nave de planta rectangular con ábsida na cabeceira que conforma o presbiterio. Accédese a ela a través dun arco triunfal de medio punto e está cuberta con bóveda estrelada. A nave principal é de bóveda de canón rebaixada, feita en madeira e cos cimbros á vista. Ós pés presenta tribuna con escada de caracol de acceso que transcorre polo interior do campanario. A sacristía está engadida á ábsida con posterioridade.

Os muros son de chacotería e a fachada principal e a torre de canteiría. A torre é de planta cadrada e está situada no lateral dereito da fachada, composta por tres treitos; o primeiro totalmente liso, do século XVIII, sen decoración; os dous últimos son posteriores e de estilo barroco. Remata en cúpula.

A fachada principal consta de porta rectangular, posiblemente maior cá orixinal, xa que desborda o arco de medio punto, enmarcado por xambas e con adornos florais nas arquivoltas. Sobre a porta hai repisa e dosel en forma de cunca coa imaxe da Virxe co Cristo en brazos. Enriba ábrese un pequeno rosetón con dobre caída. A caída é a dúas augas con tella curva do país.

No interior da nave hai un pequeno baptisterio no lado do evanxeo e dous altares de pedra colocados diagonalmente nos ángulos do fondo.

Santa María de Isorna

Interesante templo do século XVIII, ó que se lle adicionaron posteriormente contrafortes exteriores e sacristía. Presenta unhas dimensións máximas exteriores de 20,45 por 14,25 metros.

A planta é de cruz latina, dunha soa nave dividida en catro treitos por arcos de medio punto apoiados en pilastras e sostendo unha bóveda de canón. As capelas laterais son de planta rectangular e desiguais entre si, e presentan arco de acceso de medio punto. O último treito da nave corresponde ó presbiterio, con arcos de medio punto nos tres entrepanos e bóveda de crucería. A sacristía, nun lateral, está construída en cachotería.

No exterior destaca na fachada principal a torre-campanario, engadida nun lateral, e con acceso dende o exterior. De planta cadrada e tres corpos, con cúpula de tambor, a decoración está inspirada no barroco. O resto da fachada componse de porta con lixeiras molduras, fornela e oco rectangular. As cubertas son a dúas augas, de tella curva, e a catro augas o presbiterio.

No interior destacan os retablos, moi ben conservados e de gran calidade artística, e o altar maior.