Manuel Antonio

Manuel Antonio - O Mar Feito Tradición

MANUEL ANTONIO

Manuel Antonio Pérez Sánchez naceu en Rianxo o 12 de xullo do 1900. Aos trece anos inicia os seus estudos de Bacharelato en Santiago. Empezou a carreira de Filosofía e Letras na Universidade Compostelana, pero abandonouna moi logo. En 1919 cursou estudos de Náutica en Vigo, rematándoos en 1923.

Na súa etapa de estudante santiagués nace o seu compromiso con Galicia. Os seus primeiros poemas publicáronse na revista Suevia de Santiago, en 1918; así mesmo, por esas datas, colaborou no xornal La Rendición de Padrón, onde compuxo o soneto de carácter social, O sol da liberdade... A finais dese ano entregouse definitivamente á causa do galeguismo. Fixo amizade con boa parte dos intelectuais galegos da época, cos que mantivo frecuentes contactos por carta, recollidos no libro Correspondencia (Vigo 1979). En 1921, residindo en Vigo e militando na Mocedade Galeguista, escribiu, xunto con Xavier Soto, un pequeno texto, Terra ceibe. Os bos galegos .

O ano seguinte colaborou na revista Alborada; redactou, xunto con Cebreiro, o manifesto Máis Alá e ademáis rematou o libro de poemas Sempre e máis despois. Por ese tempo traduciu a Edgar Allan Poe. Nos derradeiros días da súa vida o seu pensamento derivou cara un certo anarquismo.

No ano 1926 tirouse do prelo o único libro publicado en vida do poeta, onde se agrupan as composicións máis representativas: De catro a catro, adicado ó ribeirense Lustres Rivas, capitán do C. Candeira e subtitulado Follas dun diario de abordo, onde se recollen as vivencias das súas singladuras. Este pequeno libro convertiríase nun fito fundamental para a literatura galega por ser a primeira manifestación dunha nova concepción poética (Manoel Antonio, con esta obra, chegaría a ser unha das maiores personalidades do Creacionismo). Nese mesmo ano o poeta rianxeiro deixou redactado un pequeno número de poemas baixo o título Viladomar. Manoel Antonio finaría na súa casa de Asados o 28 de xaneiro de 1930.

Nunha edición póstuma baixo o título xenérico de Poesías figuran os libros ata entón inéditos: Con anacos do meu interior, escrito entre 1920 e 1922; Foulas datado entre 1922 e 1925, e finalmente Sempre e máis despois.

A obra creativa de Manoel Antonio insértase tanto no contexto cultural galego como dentro dos vangardismos literarios que se sucederán con rapidez dende o século anterior.