Faustino Rey Romero - O Mar Feito Tradición
Faustino Rey Romero
Faustino Rey Romero naceu na Lagarteira, Sestelo, da parroquia de Santa María de Isorna (Rianxo), o 27 de outubro de 1921. Estudou latín e humanidades no convento franciscano de Herbón, e seguiu a carreira eclesiástica nos seminarios de Ourense e Tui. Foi ordenado sacerdote no ano 1948 e deu a súa primeira misa en Isorna. Licenciouse logo en Teoloxía pola Universidade de Salamanca.
Foi párroco en diferentes freguesías do Baixo Miño: Amorín e Currás, no concello de Tomiño; Cela e Tameiga, en Mos; e Barcela, en Arbo, entre outras. Mais sempre mantivo unha fortísima vinculación coa súa Isorna natal e o veciño concello de Catoira, no que fundou en 1961 o Ateneo Ullán, que sería cerne da Romaría Viquinga de Catoira. Foi correspondente da Real Academia Galega desde 1950.
Rey Romero non era cómodo para a xerarquía eclesiástica: tiña fillos que o trataban de pai e non de padre nin tío, sen escándalos dos fregueses, pero si da xerarquía. Crego progresista da liña do Concilio Vaticano II e defensor do idioma galego na liturxia e na escrita, o seu estilo de vida e crenzas derivarían en problemas co bispado. Logo de ser forzado a un desterro voluntario, trasládase a Buenos Aires en 1966, onde exerceu na parroquía de Balbanera e onde morreu, nun confuso accidente. Desde 1987 descansa no cemiterio de Isorna.
A obra de Rey Romero repártese entre o ensaio teolóxico e a poesía. Entre os primeiros publicou a Teoría general de la existencia, en Buenos Aires no ano 1968. Mais ocupa un posto privilexiado pola súa poesía en galego na "longa noite de pedra". Deu ao prelo Doas de vidro (1951), con prólogo de Vitoriano Taibo. Ademais compuxo Catro sonetos ao destino dunha rosa (1952), o máis coñecido Escolanía de meiros (1959), e Poema das materias sagras (1960). A segunda edición deste poemario valeríalle o primeiro premio Pedrón de Ouro no ano 1964.