Senda litoral de Taragoña

Senda litoral de Taragoña - omarfeitotradicion

SENDA LITORAL DE TARAGOÑA

Este paseo descúbrenos a vida que pasa máis desapercibida do noso litoral

Esta pequena ruta sinalizada que discorre pola costa rianxeira, comeza na Praia da Torre e bordea o litoral da Enseada de Rianxo, achegándose ata as importantes marismas que deixa ao descuberto na súa desembocadura o río Beluso, xa na confluencia co veciño concello de Boiro.

O percorrido discorre paralelo ao borde litoral pero na súa meirande parte baixo o abrigo de retallos de pequenos bosques autóctonos, onde se mesturan carballos, loureiros, castiñeiros, cerquiños, espiños... que se alternan con algúns campos de cultivos e pequenos regatos protexidos por freixos, ameneiros e salgueiros que refrescan o ambiente e achegan auga á ribeira.

 

Ao longo do noso paseo poderemos acompañar a mariscadoras e mariscadores a pé que, cos seus raños, recollen os ricos recursos marisqueiros (ameixas, berberechos...) desta ría cando a marea está baixa, mentres comparten o espazo con multitude de aves. A costa de Rianxo é unha das áreas máis interesantes da Ria de Arousa para a observación de aves, especialmente no inverno xa que é un dos mellores lugares para o mergullón de pescozo negro en Galicia e de mergo cristado no norte de España, sendo a praia da Torre un bo lugar para a súa observación.

Outro bo lugar é o porto de Taragoña e a enseada de Ponte Beluso onde poderemos descubrir
parrulos, garzas reais, garzotas, gaivotas e picapeixes que enchen de vida esta enseada.