Idade Antiga

Idade Antiga - O Mar Feito Tradición

IDADE ANTIGA

Gallaecia

A romanización do Noroeste non supuxo a ruptura coas formas de tradición indíxena, pero sí que tivo lugar unha paulatina transformación das mesmas para adaptarse ós modos de vida impostos polos conquistadores.

Os maiores cambios na estructura social obsérvanse nas cidades fundadas de novo cuño onde a influencia romana é máis palpable, mentres que nos asentamentos rurais vése a transformación pero é menor e, de feito, o tipo de emprazamento en castro pervive.

O proceso romanizador tivo un carácter fundamentalmente práctico, vencellado á explotación económica e control do territorio, polo que a administración romana desenvolveu un amplo programa de obras públicas: creación dunha infraestructura viaria - calzadas e pontes -, campamentos militares, portos e faros, murallas, sistema de canalizacións, etc.

En Rianxo, polo de agora, non se localizaron xacementos de época romana pero de forma casual atopouse unha lauda, que se coñece como "Estela de Doirau" (o primeiro rianxeiro de nome coñecido, de nome con raíz céltica), e foi reutilizada nunha sepultura tardía. Descubríuse en 1907 na finca "Erbal do Codesal", situada uns 400 m ó S da estrada N-550, no camino vello de Asados. Actualmente, está depositada no Museo de Pontevedra.

Apareceu rota en tres partes, non obstante, consérvase íntegra. Na metade superior, que consta dun frontón curvo, vése unha figura masculina estante que suxeita no ombreiro esquerdo un obxecto. Viste túnica curta, e pernas e pés espidos apóianse nunha dobre arcarda superposta. Na parte inferior, a inscripción ten carácter cursivo nalgunhas liñas e está moi mal executada. Trátase dunha estela mixta, entre xeométrica e antropomorfa.