Castros

Castros - O Mar Feito Tradición

Castros

Durante o Bronce Final (s. XI-X a.C.) os poboados abertos comezan a ter carácter defensivo, feito que describe probablemente unha nova formación social. Vai tendo lugar a transformación do campamento en aldea, converténdose o castro no fósil director dun novo proceso cultural: a Idade do Ferro. Esta nova etapa vén marcada polo illamento xeográfico de pequenas comunidades campesiñas relativamente xerarquizadas, que elixen para establecer os seus poboados outeiros, penínsulas marítimas ou ben esporóns a media ladeira, que permiten unha doada defensa e control visual sobre as terras de cultivo circundantes. Adoitan ter sistemas defensivos consistintes en murallas, parapetos, terrapléns e foxos. En Rianxo están catalogados 7 asentamentos castrexos en distintos estados de conservación.

Dende a romanización, moitos dos asentamentos castrexos fóronse convertendo ao modelo urbanizador romano, ou ben as novas aldeas romanas eran construídas nas localizacións dos castros xa existentes. Isto deu lugar a que a forma tradicional das edificacións (ovalada ou circular) apareza en moitos asentamentos transformada en cuadrangular. É posible que moitos dos asentamentos castrexos perdurasen ata entrada a Idade Media.

En moitos casos non se atopan restos de edificacións, o que pode entenderse como que simplemente se trataba de lugares defensivos utilizados puntualmente, e non habitados habitualmente.

As Cercas

O Castro das Cercas ou Castro de Quintáns é na actualidade o que permite unha mellor visualización dos elementos que o conforman a simple vista, a pesar da vexetación que o infesta. De forma ovalada, con diámetros de 90 e 60 metros, consta de dobre muralla e foxo. Pódense distinguir as cimentacións de dúas casas de forma cuadrangular, o que fai supoñer que probablemente estivese habitado tras a romanización, e incluso se di que o estivo ata a Idade Media. Tamén na súa vertente leste se observan restos de cunchas, que fai pensar nun vertedoiro.

O castro sitúase no Monte Quintáns. Pódese acceder a el dende un cortalumes no surleste, que ascende dende a estrada Rianxo-Catoira ata as proximidades do monte pola ladeira leste, de monte baixo; ou ben dende o lugar de Isorna, ascendendo por pistas e camiños forestais pola ladeira oeste, que é de monte de eucalipto.

Fálase da localización no lugar da Cova do Xil que dá froito a algunhas lendas locais.

Castro Barbudo

O único indicio que supón da existencia dun castro no lugar é o seu topónimo, xa que non se observan xacementos. Non obstante, pódese apreciar como o curuto do monte está aplanado e parece propicio para un asentamento defensivo.
 

Punta do Castro

Este castro está situado nunha pequena península entre as praias das Cunchas e O Porrón. É un dos mellor conservados do concello, pero apenas é posible percibir nada debido á vexetación que o cubre. Non se descarta unha futura rehabilitación deste castro.

 

Foxacos

O castro de Foxacos non presenta máis restos ca o do seu topónimo, xa que na actualidade non se observan xacementos.

Traba

Castro en bo estado de conservación do que aínda se conservan murallas e estruturas defensivas. Está situado nun outeiro a carón do Hórreo do Araño.

O Castriño

Este castro está imbuído dentro dun núcleo rural de Taragoña, e foi gravemente alterado pola construcción de casas no lugar. Aínda así, pódense observar aínda restos do parapeto de terra.

Agro do Castro

O Agro do Castro ou Castro da Urela conserva parte do parapeto defensivo de terra e pedra en direccións leste e oeste e aterrazamentos cara ao norte. Semella máis un lugar defensivo ca un asentamento habitado.