Cruceiros

Cruceiros - omarfeitotradicion

Turismo - Patrimonio - Cruceiros

Orixe do cruceiro

As cruces altas de pedra teñen a súa orixe na Irlanda recén evanxelizada, cando esta serviu de refuxio á Igrexa católica escindida polas invasións, e representan a asimilación cristiana do elemento de culto en pedra herdado de culturas anteriores. Resalta a presencia de figuras esculpidas e de elementos decorativos.

En Galicia, ó igual que outros países, e especialmente Irlanda, Escocia, Gales e Bretaña, impúxose o costume cristián de cristianizar os monumentos megalíticos, convertíndoos en cruces ou convertíndoos en soportes da cruz. Da mesma forma, tamén se cistianizaban lugares consagrados por antigos ritos e os camiños. Neste caso dos camiños Galicia é o referente máis importante, de aí a importancia folclórica dos camiños galegos. Ademáis, antigamente os soterramentos tiñan lugar á beira dos camiños e nas encrucilladas, o que explica o medo histórico que estes lugares infundían pola noite. Anque os cruceiros propiamente ditos non datan de antes da cristianización, alá no século XII, si existían previamente cruces gravadas en pedra, tanto cristiaas coma precristianas.

As cruces altas de pedra naces en Irlanda no século VI como cristianización do menhir. De alí pasan á Bretaña (croaz-hir) e expándese a cristianización de camiños por Francia. De alí, a súa introducción a través do Camiño de Santiago parece evidente. Estas cruces que marcaban este camiño francés e que se introduciron en Galicia eran, sen embargo, pequenas cruces sobre promontorios rochosos.

As cruces galegas presentan importantes influencias góticas que non podían ser froito somente da súa introducción de camiño de Santiago. Sen dúbida outro ámbito importante na inspiración destes monumentos foi o contacto marítimo coas terras irlandesas e bretonas de todo o litoral do norte da península. Pero co tempo, os modelos góticos fóronse adaptando ó xenuíno barroco galego dos séculos XVII e XVIII.

Motivos artísticos característicos

A imaxe de Cristo soe ser imitación de calvarios retidos na memoria do canteiro, de aí a similitude entre todos. Aparecen en ocasións un anxo ou San Francisco recollendo o sangue de Cristo no Cáliz. Son frecuentes as caveiras e serpes ou salamandras ó pé, símbolos da morte e do pecado. Os reversos soen representar á Virxe en distintas advocacións do franciscanismo. As dúas vertentes máis comúns son a da Virxe nai, co neno en brazo, e a da Virxe Dorosa, en particular a da Piedade. É particular a desproporción entre a imaxe da Virxe e a de Cristo. Outras carácterísticas propias son a presencia dos "santiños" ó longo do fuste e as almas ou purgatorio no pé. Son tamén de frecuencia diversas esceas do Pecado Orixinal.

Partes do cruceiro

O cruceiro aséntase sobre unha plataforma, que pode ser tanto artificial, presentando nese caso varias alturas ou graos a modo de escaleiras, coma natural, aproveitando unha laxe ou outeiro de pedra. A forma características son a cuadrangular e menos frecuentemente a octogonal. Sobre a plataforma aparece o pedestal, que vén sendo a base sobre a que se asenta o fuste ou varal. Pode presentar multitude de formas: cuadrangular, a máis común, pero tamén cúbica, octogonal, circular, troncopiramidal, troncocónico, ou mesmo peza tosca sen labrar. Soe estar decorado con paramentos e chafráns, e presentar símbolos e esceas diversas. O varal é a columna de pedra que soporta e da altura ó crucifixo. As formas comúns son a cadrangular, normalmente con chafráns; tamén pode ser octogonal ou circular. Tamén soe ir decorado con paramentos e chafráns e conter símbolos e figuras de santos, chamadas "santiños". Sobre o pedestal, o capitel da apoio á cruz. Confórmano o astrágalo, parte inferior que envolve o fuste, e o ábaco, parte superior sobre a que se asenta a cruz. As formas varían entre cadrangular, troncopiramidal invertido, octogonal, cilíndrico, e cúbico. A decoración é moi variada e intensa: volutas, cunchas, querubíns, anxos, caras, follas, orlas, flores, molduras... e tamén símbolos e imaxes. Na variedade de cruceiros con capeliña, o capitel é substituído pola capela. A capela utilízase pra gardar imaxes, e ten forma prismática cuadrangular aberta polo frontal. Os motivos decorativos e representacións son moi variados. A cruz, situada sempre no punto máis alto, presenta tamén distintas tipoloxías. A sección pode ser cadrangular, rectangular, octogonal, circular ou circular leñosa con nós. Presenta ademáis outros elementos ornamentais, coma chafráns, flores, bolas ou tréboles, e incluso símbolos e imaxes. O anverso do crucifixo, se ten imaxe, é sempre a imaxe de cristo crucificado, anque con lixeiras variacións que afectan a número de cravos, inclinación da caeza, mans pechadas, abertas ou sinalando, coroa de espiñas, letreiro de INRI, nudo do pano de pureza, etc. En ocasións aparece San Francisco abrazándoo e nun caso un anxo recollendo o sangue. O reverso pode ser máis variado, anque en Rianxo, de haber figura, sempre é a da Virxe, en distintas advocacións (a Piedade, a Dorosa, a Inmaculada) e distintas actitudes (orando, co neno), así coma configuracións de esceas e elementos decorativos: posicións das mans, situada sobre peañas ou nubes, coroada, con nimbo, espada cravada...

Cruceiros en Rianxo

Rianxo é un dos Concellos da zona con máis profusión de cruceiros e cruces de pedra. A conta supera os cen exemplares, contando tanto cruces de pedra coma cruceiros e crucifixos.

O cruceiro tipo no Concello de Rianxo, é dicir, as características máis repetidas ó longo dos cruceiros de Rianxo, son as seguintes: Plataforma cadrangular, sendo a máis común de tres graos. Pedestal cadrangular rematado en chafráns, sendo menos habitual o moldurado con escocia ou o de paramentos recadrados. Fuste de sección octogonal, cadrado na base en ocasións. Capitel cadrangular, sendo menos profusos os cilíndricos e cúbicos; astrágalo cadrangular liso e ábaco de lados curvos e vértices chafranados; a decoración máis común do capitel son as volutas, seguido polas follas, follas de acanto e orlas vexetais; tamén é común a presencia dun querubín ou, menos, dun anxo con ás. A cruz soe ser se sección cadrangular, e con menos frecuencia octogonal ou circular leñosa con nós; os remates soen ser florenzados, case sempre con botón central; os brazos están comúnmente chafranados ou con mediacana. O Cristo prácticamente sempre está crucificado con tres cravos, levando a cabeza inclinada cara a dereita, as mans abertas, coroa de espiños, o pano de pureza anoado á esquerda e cartela ou pergameo de INRI a proporcións iguais. A Virxe soe estar en posición de orar, as máis das veces coas mans en cruz sobre o peito, e sobre unha peaña dun querubín ou dun anxo con ás. Cando hai capela, a máis común soe ser a de paredes lisas sen ornamentar, tellado a catro augas e teito plano; a base é troncopiramidal invertida e leva case sempre un anxo con ás; case todas levan imaxe.

Algúns dos cruceiros máis destacables:

Cruceiro da Laxe

O máis senlleiro cruceiro do Concello, situado na Laxe Pequena na parroquia de Taragoña.

É moi antigo, probablemente do século XVI. Elévase sobre plataforma cadrangular de tres graos. O fuste é de sección cadrada con chafráns, e está decorado con cunchas de vieira. A Capela, moi ornamentada, ten base troncopiramidal invertida, con anxos en tres das catro caras. O tellado é a tres augas e a bóveda nervada. Nas caras exteriores da capela ten baixorelevos de Santiago matamouros, Cristo cunha cruz camiño do Calvario e San Francisco. No interior da capela ten unha imaxe da Virxe de Guadalupe. No frontal da capela, na parte superior, vai gravado o monograma de Cristo. A Cruz é de sección octogonal, cos remates dos brazos florenzados. O Cristo Crucificado ten as mans pechadas, pano de pureza anoado, leva coroa de espiñas e cartela de INRI.

Cruceiro da Praciña

​​​​​​​

Fermoso cruceiro situado no núcleo máis antigo de Rianxo, A Praciña. Sobre plataforma cadrangular de cinco graos, pedestal cúbico con caveiras nos ángulos e fuste circular con pedestal cadrangular recadrado, remate en follas e cun soporte para candil. O capitel é cilíndrico co astrágalo circular liso e o ábaco de lados curvos e vértices chafranados. A cruz, de sección octogonal e remates florenzados, ten á Inmaculada no reverso sobre peaña dun anxo con ás, ten as mans xuntas e a lúa os seus pés. O Cristo Crucificado ten as mans abertas e coroa de espiños.

Cruceiro Vello

Fermoso exemplar situado en Asadelos, preto da Praza de Manoel Antonio, onde se sitúa o chamado Cruceiro novo. A plataforma é octogonal e realmente alta, de catro graos. O pedestal é octogonal e baixo, e presenta símbolos da paixón: salamandras, tibias e caveiras. O fuste é circular decorado con profundas estrías, e ten un pedestal cadrangular e recadrado. O capitel é cúbico con volutas e follas, o astrágalo circular e liso e o ábaco ten lados rectos. A cruz ten sección cadrangular e os brazos con mediacana rematados en florenzados con botón central. O Cristo crucificado ten as mans abertas, coroa de espiñas e cartela de INRI. No reverso da cruz hai escea da piedade.

Cruceiro de Traba

Cruceiro de capela de plataforma e pedestal cuadrangulares, e fuste e cruz octogonais. A capela ornamentada ten base moldurada e con anxo, tellado abovedado, bóveda nervada e un oco na parte posterior. As imaxes da capela son da Virxe do Socorro e de San Antonio de Padua. O Cristo leva as mans abertas, coroa de espiños e cartela de INRI.

Cruceiro de María Diz

Cruceiro de granito situado a carón dunha fonte. Pedestal cuadrangular moi moldurado e varal octogonal con paramentos recadrados. Capitel cuadrangular co astrágalo octogonal, presenta volutas nos vértices e imaxes nas catro caras. Cristo crucificado con coroa de espiñas e cartela de INRI. Virxe en actitude de orar sobre peana de anxo con ás.

Cruceiro de Pastoriza

Fermoso cruceiro na Pastoriza, en Taragoña. Plataforma cadrangular de dous graos, sen pedestal.
Fuste de sección cadrada con chafráns decorados con caras. Capela ornamentada con esferas, coa base moldurada con anxo con ás, tellado a catro augas, teito plano, e coa Virxe pregando no interior. A cruz ten os brazos con chafráns, remates florenzados con botón central e está recrucetada. O Cristo está crucificado coa cabeza ergueita e as mans abertas, leva coroa de espiñas. No reverso da Cruz, Virxe coroada orando coas mans xuntas sobre peaña de anxo con ás.

Campo da Ponte

Cruceiro de capela situado no Campo da Ponte das Miráns. Varal asentado sobre a plataforma, sen pedestal. É moi groso, cadrado con chafráns. A capela é lisa, de base troncopiramidal invertida con anxo alado, bóveda plana e telado a catro augas. Presentaba imaxe no interior hai non moito tempo. A cruz é cadrangular con brazos con mediacana e remates en bolas. O cristo crucificado leva coroa de espiños e nimbo crucífero, e está sinalando co índice da man dereita.

Cruceiro de Outeiro

Cruceiro situado no campo que rodea á Capela das Milagres do Araño, no antigo campo da festa. Carece de pedestal. Varal octogonal con estremos cadrados e adornos nos chafráns. Capitel cúbico con formas xeométricas. Cruz rectangular con pedestal, brazos con mediacana e remates con flores. O Cristo leva coroa de espiños e nimbo na cruz. Imaxe da Piedade no reverso.

Cruceiro do Souto

Cruceiro de capeliña situado a carón dunha fonte en Outeiro, no Araño. O fuste é groso e cotogonal, e aséntase directamente sobre a plataforma. A capela é lisa, de base moldurada, teito plano e tellado a catro augas. Contén no interior unha imaxe da Virxe co Neno. A cruz é circular, leñosa con nós. O Cristo crucificado ten as mans pechadas, pergameo de INRI e carece de coroa de espiñas.

Cruceiro do Adro

Cruceiro situado no adro da Igrexa de Santa María de Asados. A plataforma de tres graos, pedestal e fuste son octogonais sen adornos. O capitel e o astrágalo son tamén octogonais, e o ábaco de lados rectos. O capitel está decorado con follas de figueira. A cruz e as figuras son de mármore. A Cruz é cadrangular con remates en forma trebolada e brazos con chafrán, e está soportada por pedestal. O Cristo ten as mans pechadas, coroa de espiños e pergameo de INRI. A Virxe ora coas mans xuntas sobre unha peana.

Cruceiro Novo

Situado na Praza de Manoel Antonio ou "Cruceiro", en Asadelos, próximo á Igrexa Parroquial. Preto del atópase o Cruceiro Vello. Plataforma cuadrangular de tres graos e pedestal cuadrangular moi moldurado. Fuste octogonal anque cadrado na base. Capitel cadrangular con volutas, querubíns, cunchas e orlas vexetais, astrágalo cuadrangular con chafráns e ábaco de lados curvos e vértices chafranados. Cruz circular leñosa con nós. Cristo coas mans pechadas, coroa de espiñas e cartela de INRI. Virxe oratoria coas mans en cruz sobre o peito e sobre peana con querubín.

Cruceiro de Laxido

Un dos exemplares máis interesantes do Concello, sitúase nunha encrucillada de camiños entre Lustres, Outeiro e Vilas. Parece bastante antigo, probablemente do século XVII. Aséntase sobre plataforma octogonal de catro graos e pedestal tamén octogonal de pouca altura que contén símbolos da paixón: tibias, abellas e caveiras. O fuste é octogonal con pedestal cadrangular e recadrado, e contén a media altura unha imaxe de San Andrés. O capitel é cúbico con cabeza de anxo con ás. A cruz é de sección cuadrangular e brazos de mediacana rematados en flores, e aséntase sobre pedestal cúbico. O Cristo ten as mans pechadas, coroa de espiños e cartela de INRI. O reverso da cruz presenta escea da Piedade, coa Virxe co Cristo en brazos.

Cruceiro de Pilatos

Singular cruceiro do lugar da Mámoa na parroquia de Asados, moi similar ó outro Cruceiro da Mámoa. Ambos presentan moitos elementos comúns e relativamente infrecuentes entre os cruceiros do Concello.

A plataforma é cadrangular de tres graos. Os vértices de cada esquina dos escalóns van adornados cunha forma ondulada que remata en volutas. O pedestal é cadrangular moi moldurado e cunha gran escocia. O fuste é de sección cadrangular coa base e tope de maior grosor e cos paarmentos recadrados. O capitel é cadrangular adornado con volutas, follas de acanto, orlas vexetais e querubíns, co astrágalo liso e o ábaco de lados curvos e vértices chafranados. A cruz é leñosa con nós. O Cristo presenta varios elementos pouco comúns: a cabeza inclínase cara adiante, e non cara algún lado; está sinalando cos índices de ámbalas dúas mans; leva coroa de espiñas; o pano de pureza vai anoado cunha corda; o INRI vai nun pergameo. No reverso, a Virxe está en actitude oratoria coas mans en cruz sobre o peito e sobre peana dun anxo con ás. Presenta a peculiaridade dun nimbo de ferro.

Cruceiro da Veiga

En Somoza de Abaixo, cruceiro de plataforma e pedestal cadrangulares, este último moi moldurado e con gran escocia; fuste octogonal con estremos cadrados, capitel cadrangular con volutas, follas, querubíns e cunchas, astrágalo liso e ábaco de lados curvos e vértices chafranados; cruz de sección octogonal; Cristo crucificado bendicindo con ambas mans, pergameo de INRI e pano de pureza anoado cunha corda; Virxe orando coas mans en cruz sobre o peito sobre unha peana.

Cruceiro da Rocha

No Parque de Isorna, cruceiro con plataforma e pedestal cadrangulares, co pedestal moi moldurado e cunha gran escocia; fuste octogonal diminuído con pedestal octogonal liso; capitel tamén octogonal con volutas, cunchas e querubíns, co astrágalo tamén octogonal e o ábaco común de lados curvos e vértices chafranados; sección da cruz octogonal con remates florenzados con botón central; Cristo crucificado coa cabeza cara adiante, coroa de espiñas, pano suxeito cunha corda e pergameo de INRI; Virxe orante coas mans sobre o peito e sobre peana dun querubín.

Cruceiro de Ferreiro

Cruceiro de capela no medio de Isorna. ten Pequena plataforma cadrangular de tres graos e carece de pedestal. O fuste é octogonal con adornos nos chafráns e contén unha imaxe. A capela está ornamentada. A Base ten molduras e ten un anxo alado. O tellado é a catro augas e o teito plano. Contén dúas imaxes no interior e un soporte para candís. O Cristo ten as mans abertas, coroa de espiños e cartela de INRI.

Cruceiro do Cabo

No lugar de Quintáns, á beira do río Ulla, atópase este cruceiro que forma parte do Via Crucis Marítimo polo río Ulla. Ten plataforma e pedestal cuadrangulares con imaxe no pedestal, fuste octogonal con base cadrada de paramentos recadrados e imaxe. O capitel é cilíndrico, co astrágalo circular sogueado e o ábaco de lados curvos e vértices agudos. Decórase con caras e flores. O Cristo Crucificado ten as mans abertas, coroa de espiños e cartela de INRI. No reverso do crucifixo está a escea da Piedade, coa Virxe sobre peana de anxo con ás.

As tres cruces

Ó longo da beira do río Ulla, tanto no Concellos de Rianxo coma no de Catoira, un Vía Crucis Marítimo conforma a Ruta Xacobea polo Mar de Arousa e Ulla, que a través da Ría de Arousa ascend polo río Ulla ata Padrón. Estas tres cruces forman parte do Via Crucis. Están situadas no Cabo de Trececruces, na ladeira do Monte Palleiro. É un lugar solitario e impresonante dende o que se domina toda a bocana do río Ulla e o seu curso pola parroquia de Isorna.

A cruz central aséntase sobre a pedra, ten pedestal cuadrangular rematado en chafráns, fuste octogonal cadrado na base e que presenta unha imaxe de Santiago Peregrín. O capitel é octogonal co astrágalo octogonal liso, co ábaco de lados curvos e vértices chafranados, adornado con volutas, follas e a Cruz de Santiago. A cruz é de sección octogonal con remates cuadrangulares. O cristo crucificado inclina a cabeza cara adiante, ten as mans pechadas, coroa de espiños e cartela de INRI. A Virxe está en actitude de orar, coas mans en cruz sobre o peito e situada en peana de esfera terrestre.

As cruces lateráis son simples crucifixos de sección octogonal, brazos florenzados e capitel figurado sobre pedestal troncopiramidal.

 

Cruceiro da Praza

En Sestelo, na Praza de Faustino Rey Romero, álzase sobre unha pedra tosca sen labrar este cruceiro de pedestal cuadrangular recadrado, fuste octogonal, capitel cúbico co astrágalo octogonal liso e decorado con volutas, follas e cabezas de anxo con ás; a cruz é de sección cuadrangular, está recrucetada e decorada con remates florenzados con botón central; o Cristo Crucificado ten a cabeza ergueita e carente de coroa; no reverso está representada a Piedade.

Cruceiro de Abuín

Pecualiar cruceiro reconstruído nun merendeiro en Abuín. Ten plataforma cadrangular de cinco graos; pedestal cúbico con paramentos recadrados; fuste circular, cadrado con paramentos recadrados na base; capitel cilíndrico, co ábaco cadrangular de lados curvos e vértices chafranados, decorado con follas lobuladas e cabezas de anxo con ás; o crucifixo é leñoso con nós; a Virxe, sobre pedestal, cruza as mans sobre o peito

Cruceiro da Aldea

​​​​​​​

 

 

Cruceiro en Brión, de plataforma cuadrangular de tres graos, varal de sección cadrada con chafráns adornados e capitel cadrangular. Carece de crucifixo, só consta dunha imaxe da Virxe orando coas mans sobre o peito.

C. da Fonte

Cruceiro de capela en Brión, formando conxunto coa fonte. Plataforma cadrangular de catro graos, sen pedestal. Fuste de sección cadrada con chafráns adornados. A cruz ten sección cadrangualar cos brazos con mediacana e remates florenzados con botón central. O Cristo Crucificado inclina a cabeza cara diante, ten as mans abertas, coroa de espiñas e carece de cartela de INRI. A Capela ten base moldurada decorada cun anxo con ás, tellado a catro augas, carece de bóveda, e contén dúas imaxes no interior.

Cruceiro do Cura

A carón da Rectoral de Leiro, preto da Igrexa Parroquial, atópase este fermoso cruceiro de plataforma cadrangular de catro graos, pedestal cadrangular de paramentos recadrados e caveiras nos ángulos, fuste octogonal con pedestal cadrangular e que presenta unha imaxe. O capitel é cadrangular co astrágalo octogonal liso, o ábaco de lados rectos, e decorado con follas, volutas e flores. A cruz ten brazos cadrangulares con chafráns. O Cristo ten as mans abertas, coroa de espiños e cartela de INRI. No anverso, escea da Piedade.

Cruceiro dos Zapateiros

En Rañó, no parque, fermoso cruceiro do século XVII de plataforma cadrangular de cinco graos, pedestal cadrangular de paramentos recadrados e caveiras nos ángulos, fuste octogonal con pedestal cadrangular recadrado, e imaxe dun bispo. Capitel cúbico de astrágalo cadrangular liso, ábaco de lados rectos e decoración de volutas, follas de acanto e flores. A cruz, de sección cadrangular e recrucetada, ten brazos con mediacana e remates florenzados con botón central. O Cristo ten ergueita a cabeza, as mans abertas, coroa de espiños e cartela de INRI. No anverso, escea da Piedade.

Cruceiro da Igrexa

O cruceiro máis emblemático de Rianxo, forma un conxunto artístico moi interesante no conxunto da Praza de Rafael Dieste xunto coa Igrexa Parroquial e o Pazo de Martelo.

Plataforma cadrangular de catro graos; pedestal cadrangular moi moldurado e cunha gran escocia; fuste octogonal ,cadrado con paramentos recadrados na base; capitel cadrangular con astrágalo cadrangular liso, ábaco de lados curvos e vértices chafranados, decorado todo con volutas, querubíns, orlas vexetais e cunchas; cruz leñosa con nós; Cristo crucificado con tres cravos, inclina a cabeza cara diante, está sinalando cos índices das dúas mans, leva coroa de espiños, pano de pureza suxeito cunha corda e pergameo de INRI; no reverso, Virxe en actitude de orar coas mans en cruz sobre o peito, situada sobre peaña cun querubín.

Este cruceiro estaba orixinalmente situado preto do actual cemiterio, en Fincheira, e foi trasladado posteriormente ó seu actual emprazamento.

 

Cruceiro da Burata

Cruceiro sobre plataforma cadrangular de dous graos e pedestal cúbico rematado en chafráns e con paramentos recadrados. O fuste é de sección cadrada con chafráns, e paramentos recadrados na base; representado con símbolos da Paixón: Martelo, Tenaces, Escada. Capitel cadrangular decorado con volutas, follas e querubíns; cruz de sección octogonal con remates florenzados. Cristo Crucificado coas mans abertas e coroa de espiños. No reverso, Virxe Dorosa sobre peaña de querubín, leva as mans con dedos entrelazados, nimbo de raios arredor da cabeza e espada cravada.

A carón do cruceiro hai un peto de ánimas con representacións do purgatorio.

Cruceiro de Campo de Pazos

Na Praza de Campo de Pazos, cruceiro de plataforma e pedestal cadrangulares, fuste tamén cadrangular, con chafráns, capitel cadrangular co ábaco de lados curvos e vértices chafranados, volutas, follas de acanto, querubíns e orlas vexetais. Carece de Crucifixo e Cristo, únicamente ten imaxe da Piedade sobre o capitel.

Cruceiro das Neves de Iñobre

En Iñobre, cruceiro de capela carente de plataforma e pedestal. O fuste é de sección cadrada con chafráns. A Cruz tamén de sección cadrada con chafráns nos brazos. O Cristo ten as mans abertas, coroa de espiños, nimbo crucífero, pano de pureza sen nós e cartela de INRI. A capela carece de ornamento. É de base troncopiramidal invertida, tellado a catro augas e teito plano. Na base da capela hai un anxo con ás e no interior a Virxe pregando.

Cruceiro das Neves de Ourolo

Cruceiro de capela en Ourolo. Plataforma enterrada. Fuste de sección cadrada con chafráns. Cruz cadrangular cos brazos con mediacana e remates florenzados. Cristo Crucificado coas mans pechadas, nimbo crucífero e pano de pureza sen nós. No reverso da Cruz, baixorelevo da Piedade. A capela é lisa, coa base troncopiramidal invertida cun anxo con ás, tellado a catro augas e teito plano. No interior da Capela, Nª Sª das Neves.

A carón do cruceiro, dentro dun muro, hai un crucifixo e un baixorelevo.

Cruceiro da Laxe

Cruceiro de capela integrado nun muro. A capela é lisa, de base troncopiramidal invertida, tellado a catro augas, teito abovedado e anxo con ás na base. No interior, Virxe pregando. Sobre a capela, Cruz de sección cadrangular con brazos chafranados. O Cristo Crucificado ten as mans abertas, nimbo crucífero, pano de pureza sen nós e cartela de INRI.