Prehistoria - O Mar Feito Tradición
Paleolítico
As condicións ácidas de solo en Galicia impiden a conservación de fósiles humanos de épocas prehistóricas debido á súa rápida descomposición. Só podemos contar co rexistro estrictamente arqueolóxico formado polos restos de artefactos feitos polos homes e as súas construccións.
En Rianxo, polo de agora, non se atoparon restos arqueolóxicos correspondentes ó Paleolítico, o que se debe tanto ás dificultades para apreciar en superficie este tipo de "xacementos" como á inexistencia de traballos de campo exhaustivos e orientados a atopalos.
Neolítico-Megalitismo
A lenta transformación das comunidades humanas cazadoras-recolleitoras en productoras de alimentos (período Neolítico) semella ter lugar en Galicia durante o V milenio a. de C., coa aparición progresiva de polen de cereal e a irrupción na paisaxe dun fenómeno tumular de carácter funerario que se coñece co nome de Megalitismo.
En Rianxo descubríronse abundantes restos de sepulturas tumulares. A maior parte dos monumentos funerarios megalíticos (mámoas ou túmulos) inda se conservan agrupados formando verdadeiros conxuntos (necrópoles).
As máis destacadas son: as dos Campiños (en Campo Grande e Cuncha Vieira, na parroquia de Leiro), Monte Picoto (no Alto da Paradegua, en Burés), Monte da Pena, A Vacariza e Cabanas.
A necrópole dos Campiños, situada nunha pequena chaira na aba sur do Monte Lioira, foi obxecto de investigacións xa a principios dos anos 70 por membros do Instituto de Estudios Galegos "Padre Sarmiento".
Despois, no verán de 1977, membros do Teleclube de Leiro efectuaron exploracións na mámoa nº6 deste conxunto, que tiveron como resultado a recollida dunha lámina apuntada, unha punta de frecha e fragmentos de cerámica pertencentes a un vaso.
Na década seguinte, e como consecuencia das obras de apertura dunha pista forestal, decidiuse afrontar a escavación da devandita mámoa co gallo de acadar a máxima información posible. A intervención lévase a cabo en dúas campañas (1983 e 1984) e foi dirixida por R. Fábregas Valcarce e F. de la Fuente Andrés.
Os traballos arqueolóxicos puxeron ó descuberto unha construcción dolménica que constaba de cámara (ou anta) con forma ovalada e corredor de acceso.
A pesar das contínuas violacións que sufrira a mámoa ó longo do tempo, permaneceu intacto un corredor intratumular que cortaba a mámoa dende o corredor ata a periferia do túmulo. Nese pasillo atopáronde diversos materiais cerámicos (vasixas) e líticos (machados, puntas de frecha, láminas apuntadas, etc.) así coma carbóns que foron sometidos a análises de carbono 14 proporcionando unha cronoloxía de peche do túmulo da 2ª metade do III milenio.
Metalurxia
Probablemente as comunidades megalíticas galaicas tiñan xa unha sinxela organización social desigual; sen embargo, non será ata finais do III milenio a.C. cando se empece a constatar claramente unha estructuración social evidenciada pola introducción da metalurxia - cobre, ouro ou prata - e o desenvolvemento das forzas productivas.
No rexistro arqueolóxico detéctase a aparición dun novo ritual funerario de carácter individual - en cistas rectangulares sen túmulo - acompañándose de enxovais moi ricos ( con metal, armas de cobre, xoias de ouro e prata...). Irán xurdindo individuos máis poderosos que ostentan armas de metal, xoias e adornos como manifestación do seu estatus.
Todas estas transformacións débense ó desenvolvemento económico. Hai evidencias da introducción de novos cultivos e novas tecnoloxías e comezan tamén as relacións de intercambio a longa distancia - frecuentemente atlánticas - sentando as bases da que se coñecerá séculos despois como comunidade atlántica da Idade do Bronce. Neste período atópanse restos de cerámica campaniforme.
Dende o punto de vista tecnolóxico a cerámica campaniforme suporá un gran avance fronte á megalítica tradicional: mellor calidade de pastas, cocción, acabado e temática decorativa innovadora. É o momento de máximo desenvolvemento da metalurxio calcolítica de tradición campaniforme: puñais de espiga, alabardas "tipo Carrapatas", puntas de xabalina (ou "tipo Palmela") e machadas trapezoidais, que aparecen xeralmente en contextos funerarios.
Os investigadores defenden a vinculación da arte rupestre ó aire libre a esta nova realidade social. Característicos das Rías Baixas, podemos distinguir dous bloques temáticos: naturalista (ou de referente coñecido) formado por cérvidos, cabalos, serpes, figuras humanas, antropomorfos, armas, ídolos, etc.) e o xeométrico (ou de referente descoñecido) constituido maioritariamente por combinacións circulares, cazoletas, espirais, labirintos, liñas rectas, ondulados, zigue-zagues...
Cómpre sinalar que os únicos temas que permiten fixar cun mínimo de rigor a cronoloxía dos gravados rupestres son as armas e os ídolos-cilindros. Dentro das armas, tanto as alabardas coma as espadas curtas e os puñais remítennos ó III milenio e ó primeiro tercio do I milenio; é dicir, ós primeiros tempos da metalurxia.
As primeiras noticias relativas á arte rupestre do Concello de Rianxo teñen lugar no ano 1980 cando F. Calo Lourido e X.M. González Reboredo publican o petroglifo da Foxa Vella na parroquia de Leiro.
Nove anos máis tarde, Ramón Ces Castaño, Xoán Andrés Fernández Castro e Pedro Piñeiro Hermida dan a coñecer a maior parte dos gravados, concretamente corenta estacións que se localizan nas parroquias de Leiro e Rianxo.
De xeito sistemático no verán de 1992 un grupo de arqueólogos, dirixido por A. Bonilla Rodríguez, leva a cabo unha prospección intensiva coa finalidade de realizar un inventario o máis completo posible das insculturas existentes no termo municipal.
Os últimos traballos arqueolóxicos tiveron lugar no verán de 2001 e foron dirixidos por Mª.A. Vázquez Martínez. O obxectivo era facer unha catalogación dos xacementos arqueolóxicos do Concello. Durante o labor de campo puxéronse ó descuberto algúns gravados, algúns históricos.
Na actualidade están catalogadas 59 estacións rupestres, moitas formadas por varias laxes con gravados dando lugar a conxuntos bastante homoxéneos. Os motivos que aparecen son os habituais nos petroglifos galegos: cazoletas, círculos concéntricos, figuras xeométricas..., pero os máis característicos son as representacións de animais, especialmente cérvidos machos con cornamenta, e as armas. No tocante á interpretación dos restos temos que salientar que as imaxes son froito dunhas condicións sociais, económicas e culturais que quedan reflectidas na rocha. En xeral, a posición máis común coa que se figuran os animais soe coincidir coa posición coa que o ollo humano acostuma a percibilos.
É chamativo o caso das armas que sufren hipertrofia e que foi interpretado coma indicador do desenvolvemento social e tecnolóxico consecuencia da expansión da metalurxia. Semella que os gravadores tomaron conciencia da súa condición de homo faber salientando os productos que lle permiten domiña-la natureza. Este feito coñécese coma "Revolución dos Productos Secundarios". Por outra banda, as cazoletas, círculos, combinacións circulares e espirais teñen un referente descoñecido e non permiten máis ca unha análise técnica e estilística. As súas asociacións con outros motivos acadan un grande interese para propor posibles significados. Ó mesmo tempo, as formas xeométricas poden corresponder a temáticas abstractas.
Podemos destacar coma estacións significativas as de Os Mouchos, A Foxa Vella, Devesa de Rianxiño e Os Campos. Localízanse na parte media-baixa do termo municipal, sobre ou nas cabeceiras dos vales litorais, na chaira litoral e na liña costeira. Ó N, onde a zona é máis elevada, non se atoparon gravados.
Polo que respecta a achados soltos, temos que destacar o Depósito de Leiro, que foi atopado casualmente por Albino Gómez Vidal mentres realizaba traballos de explanación na finca "Revolada da Cana", situada nas faldas do Monte Lioira. É un conxunto formado por unha alabarda "tipo Carrapatas" e cinco puñais de lengüeta. A alabarda presenta unha folla triangular, enmangue con tres perforacións, estando a superior rota e mostrando as outras dúas certa asimetría. Folla con forte nervadura obtida a molde. Conserva parcialmente unha estría paralela ós fíos, con mostras de abrasión. Os cinco puñais presentan a base en lengüeta trapezoidal ou pseudotrapezoidal, cos lados apuntados rectos ou ben lixeiramente cóncavos. Dous conservan unha decoración, cerca do borde, consistente nun suco que remata na base.
Idade de Bronce
O Bronce Pleno
Dende os séculos iniciais do II milenio a.C. parece asistirse a unha fase de crise, fronte ó crecimento dos primeiros tempos da metalurxia, que semella desembocar nun proceso de ruptura en torno o secúlo XVII a. C. Os achados illados de espadas e algunhas machadas de bronce implican certos avances tecnolóxicos e o mantemento dos contactos atlánticos, sen embargo os poboados e as necrópoles redúcense en cantidade como indicando un brusco descenso demográfico e económico que supuxo a interrupción do proceso de desenvolvemento local e que levou ás comunidades a un réxime menos sedentario da explotación dos recursos naturais.
A aparición da metalurxia do bronce - aleación de cobre e estaño - conlevará relacións de intercambio entre zonas productoras e deficitarias de materias primas e centros de transformación e distribución. O NO peninsular, rico en estaño, desenvolverá un importante papel nas relacións entre as poboacións da Europa atlántica debido a súa posición estratéxica. Ó mesmo tempo, continúan os contactos co SL da Península.
As machadas planas de cobre van sendo substituidas polas machadas de bronce de fío moi desenvolvido, útiles axeitados para a actividade deforestadora que permite a explotación de espacios máis aptos para unha agricultura desenvolvida. E os pequenos puñais de cobre, con folla e lengüeta planas, deixarán paso ás espadas de bronce máis resistentes e con empuñadura suxeita á folla mediante unha coroa de cravos. Os poboados, abertos, estables e xeralmente extensos, son pouco coñecidos e semellan localizarse a media ladeira ou en pequenos promontorios. Entre os restos de cultura material temos que salienta-la aparición dunha cerámica na que predominan as formas lisas e de carácter fundamentalmente local (destacan os vasos de "borde revirado").
En Rianxo, non se atoparon nen xacementos nen útiles que se poidan adscribir a esta etapa cultural.
O Bronce Final
Neste período as relacións exteriores semellan xogar un papel crecente, especialmente debido ós contactos co Mediterráneo a través do suroeste hispánico, o que supón unha intensificación dos intercambios e a dinamización da economía, chegando a supera-lo nivel acadado nos primeiros tempos da metalurxia.
Prodúcese unha nova intensificación agraria coa introducción de novos cultivos e tecnoloxías - empleo do barbeito, abonado e arado de tracción animal - o que supón o incremento da superficie cultivable co aumento das colleitas, o que permite sustentar a unha poboación cada vez maior. Este fenómeno definíuse como "Tercera Revolución Agraria". Os restos metálicos atopados noutras áreas de Galicia indican a maior importancia que van acadando as alixaxes terciarias - bronce con chumbo - así como destaca a recuperación de amplos depósitos compostos únicamente por machadas de tope e aneis.
Idade do Ferro
Os poboados abertos do Bronce Final semellan desaparecer nos séculos VIII-VII a. C., o que podería indicar que reflexaban unha organización social diferenciada, característica da Idade do Bronce, que nos séculos X-IX a. C. ten xa un carácter residual e vai deixando paso a unha nova formación social marcada polo nacemento dos asentamentos fortificados.
Os contactos exteriores mantidos durante a época de esplendor da Idade do Bronce supuxeron a introducción de novos cultivos (paínzo, leguminosas e cereais de inverno e primavera) e novas tecnoloxías chegadas do Mediterráneo (rotación de cultivos, barbeito e abonado) así como a maior explotación dos recursos mariños, permitiron unha ocupación continuada no territorio en forma de asentamentos fortificados estables (castros), que presentan como rasgo característico a adopción de muros curvos na súa arquitectura doméstica, tanto nas cabanas de materiais perecederos como nas de mampostería.
Vai ter lugar a transformación do campamento en aldea, convertíndose o castro no fósil director dun novo proceso cultural: a Idade do Ferro. Esta nova etapa ven marcada polo illamento xeográfico de pequenas comunidades campesiñas relativamente xerarquizadas que elixen para establece-los seus poboados outeiros, penínsulas marítimas ou ben esporóns a media ladeira que permiten unha doada defensa e control visual sobre as terras de cultivo circundantes. Adoitan ter sistemas defensivos consistintes en murallas, parapetos, terrapléns e foxos. En Rianxo están catalogados 7 asentamentos castrexos e un achado - Casco/Cunca de Leiro -, entre os que podemos destacar: As Cercas (Quintáns), Punta do Castro (Brión), Traba (Araño), Urela (Rianxiño) e Castro Barbudo (Taragoña).
O Castro das Cercas está estratéxicamente situado no cumio do Monte Quintáns, dominando a entrada do río Ulla e a enseada de Leiro. Ten pequenas dimensións e na parte NL, onde a ladeira acada a maior pendente, apréciase unha dobre liña de muralla entre a que se conserva o concheiro.
O xacemento de Punta do Castro atópase nunha pequena península alongada de dirección NL-SO e ten forma elíptica.
O Castro da Urela (ou de Rianxiño) comprende un recinto de forma elíptica e conserva unhas defensas moi suavizadas polas labores agrícolas. Aprécianse os restos do parapeto, ó redor do que, probablemente, habería un foso, na actualidade colmatado. Na parte NL e O do parapeto vénse amplos aterrazamentos.
Tamén na Praia de Leiro atopouse o Casco/Cunca que está depositado no Museo Arqueolóxico e Histórico "Castelo de San Antón". Foi localizado mentres Xosé Vicente Somoza construía un galpón para gardar apeiros, dentro dunha vasixa cerámica da que só se conservan uns poucos fragmentos. Ten forma hemisférica con apéndice troncocónico na súa parte superior. Toda a superficie da peza está decorada cun repuxado de martelo e os motivos decorativos aparecen colocados en bandas horizontais enmarcados por series de tres baquetóns paralelos, excepto os da parte superior, que rematan dito apéndice. Dende abaixo ata arriba obsérvanse sucesións alternantes de umbos e círculos concéntricos cun pequeno umbo central e catro semellantes enmarcando cada círculo externo ata completar un total de seis franxas. Esta peza foi datada no século VII a.C.