Museo do Mar de Rianxo - O Mar Feito Tradición
O museo vén ser o buque insignia do Proxecto Rianxo, o mar feito tradición, e o centro director de toda a rede de museos e dinamizador do mesmo.
Sitúase nun vello edificio, a "Casa do Coxo" (chamábase así porque pertenceu a un excéntrico e devoto boticario de principios do século XX), restaurada para o efecto nun dos lugares máis céntricos da vila de Rianxo, e a súa orientación é fundamentalmente etnográfica e antropolóxica. Consta de tres andares (soto, baixo e primeiro andar) nos que se trata o medio en relación coa actividade extractiva, as embarcacións tradicionais no seu quefacer socioeconómico e a construción das mesmas.
Primeiro Andar
As embarcacións
No primeiro andar sitúase unha sala dedicada á recreación de embarcacións a través de maquetas, como era o seu proceso construtivo, o deseño, as ferramentas que empregaban e os distintos sistemas de propulsión.
Biblioteca
Acolle tamén este primeiro andar unha pequena biblioteca temática sobre o mar, a cultura marítima tradicional, a actividade extractiva e, en xeral, calquera manifestación ou ámbito vencellado ao do museo.
Baixo
O mar e a pesca
O baixo acolle unha sala expositiva que achega a realidade do mar como camiño de comunicación. Sitúa a Rianxo na súa relación co mar e introduce o home cruzando as augas ou traballando nelas, con especial achegamento á pesca costeira artesanal.
Soto
Obradoiro de carpintería de Ribeira
Por último, o soto recrea un taller tradicional de pequenas embarcacións. Ademais de paneis explicativos, pódese apreciar o banco do carpinteiro, as pezas e ferramentas que usaba, mostras de madeiras, unha xeiteira en construción a escala e mesmo o trípode no que serraban os taboleiros.
Servizos
O Museo do Mar, ademais da visita independente no seu horario de funcionamento, atende visitas guiadas e auto-guiadas, tanto para grupos organizados como para escolares ou visitantes individuais (en calquera dos casos é preciso concertar a cita previamente por teléfono ou correo electrónico).
De luns a venres: de 8.00 h a 15.00 h
Praza de Castelao, 13
15920 - Rianxo
A Coruña
981 860 808
museodomar@concelloderianxo.gal