Museo do Mar de Rianxo Museo do Mar de Rianxo

O museo vén ser o buque insignia do Proxecto Rianxo, o mar feito tradición, e o centro director de toda a rede de museos e dinamizador do mesmo.
Sitúase nun vello edificio, a "Casa do Coxo" (chamábase así porque
pertenceu a un excéntrico e devoto boticario de principios do século XX), restaurada para o efecto nun dos lugares máis céntricos da vila de Rianxo, e a súa orientación é fundamentalmente etnográfica e antropolóxica. Consta de tres andares (soto, baixo e primeiro andar) nos que se trata o medio en relación coa actividade extractiva, as embarcacións tradicionais no seu quefacer socioeconómico e a construción das mesmas.

Primeiro Andar

As embarcacións

No primeiro andar sitúase unha sala dedicada á recreación de embarcacións a través de maquetas, como era o seu proceso construtivo, o deseño, as ferramentas que empregaban e os distintos sistemas de propulsión.

Biblioteca

Acolle tamén este primeiro andar unha pequena biblioteca temática sobre o mar, a cultura marítima tradicional, a actividade extractiva e, en xeral, calquera manifestación ou ámbito vencellado ao do museo.

Baixo

O  mar e a pesca.

O baixo acolle unha sala expositiva que achega a realidade do mar como camiño de comunicación. Sitúa a Rianxo na súa relación co mar e introduce o home cruzando as augas ou traballando nelas, con especial achegamento á pesca costeira artesanal.

Soto

Obradoiro de carpintería de Ribeira.

Por último, o soto recrea un taller tradicional de pequenas embarcacións. Ademais de paneis explicativos, pódese apreciar o banco do carpinteiro, as pezas e ferramentas que usaba, mostras de madeiras, unha xeiteira en construción a escala e mesmo o trípode no que serraban os taboleiros.

Servizos

O Museo do Mar, ademais da visita independente no seu horario de funcionamento, atende visitas guiadas e auto-guiadas, tanto para grupos organizados como para escolares ou visitantes individuais (en calquera dos casos é preciso concertar a cita previamente por teléfono ou correo electrónico).

De luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas

Praza Castelao , 13
15920 - Rianxo
A Coruña

981 860 755

museodomar@rianxo.gal

omarfeitotradicion.gal/museodomar

Folleto informativo