Aula Activa do Mar Aula Activa do Mar

Deseñada e realizada polos alumnos da especialidade de actividades náutico-turísticas da Escola Obradoiro "Xeiteira", inaugurouse no ano 2000. Foi concibida para desenvolver experiencias educativas ambientais non formais sobre o medio mariño, xunto con elementos de tipo etnográfico referidos á carpintería de ribeira, artes e útiles de pesca e marisqueo e divulgación sobre as embarcacións tradicionais da Galiza.

A finalidade principal non só é o coñecemento do medio e da cultura mariñeira, senón tamén lograr que as persoas aprendan a valorar o medio como indispensable para a vida e, polo tanto, merecente do máis profundo respecto. Promóvese, en fin, unha visión da natureza e das fontes de riqueza como esgotables e necesitadas de ordenamento sustentable.

A Aula Activa do Mar sitúase nun edificio de planta baixa, cunha superficie aproximada de 250 m2. A zona de exposición e os espazos de traballo están divididos en 11 seccións, as cales inclúen: mostra de diversas artes e aparellos de marisqueo a pé e a flote, mostra de materiais de refugallo arribados ás nosas costas, maquetas xeográficas e históricas, maqueta dunha nasa na que se realizan experiencias prácticas, carpintería de ribeira cunha mostra de ferramentas e outros elementos propios da construción de embarcacións tradicionais, mostra dos tres tipos de costa máis habituais das nosas rías coas súas peculiaridades, maquetas de embarcacións tradicionais e actuais da pesca artesanal, mostra cada seis horas dos movementos das mareas, mostra das diferentes artes de pesca, simulación da ponte dunha embarcación pesqueira con diferentes aparatos de navegación e un espazo de proxección en forma de faro.

Servizos

A Aula Activa do Mar atende visitas guiadas, tanto para grupos organizados como para escolares ou visitantes individuais, con cita previa concertada. Asemade, e dependendo das épocas do ano, desenvolve programas e campañas de sensibilización, así como obradoiros ambientais dirixidos a nenos e nenas, mozos e mozas, e tamén saídas de observación.

Horarios, direcións e contacto:

Cita previa

Aula Activa do Mar Santiago Gallego Picard
Rúa dos Mestres, s/n
15920 Rianxo (A Coruña)

981 860 808

aulaactivadomar@concelloderianxo.gal

omarfeitotradicion.gal/aulaactivadomar