Idade Media

Idade Media - omarfeitotradicion

Turismo - Historia - Idade Media

Idade Media

Dende o fin da civilización romana comenza a xestarse unha sociedade feudal caracterizada pola dependencia persoal dun Vasalo arrespecto dun Señor e a ruralización. Non se coñecen restos pertencentes ó Reino Suevo , pero si das consecuencias das invasions normandas, como son as Torres do Oeste de Catoira.

A xurisdicción de Rianxo foi adxudicada ó patrono Santiago (no 934, por privilexios do rei Ramiro n, sendo Bispo Hermenexildo. En 1057 é confirmada polo Papa Anastasio, Alfonso V e o Arcebispo Paio. Rianxo foi cabeza de xurisdicción eclesiástica con dominio de gran parte do territorio pola Mitra Compostelana, que exercía o cobro de rendas e diezmos da mar (impostos feudais).

Durante a chamada Era Compostelana (ss. XI-XIII ) , foi perceptible un crecemento demográfico propiciado pola expansión da agricultura. A consolidación do feudalismo singularízase en Rianxo na figura de Paio Gómez Chariño, que consta como primeiro señor de Rianxo, por mercede ou por herdanza. Foi V almirante de Castela e tomou parte na conquista de Sevilla, mandando as naves galegas. Estaba casado con Dona Mariana Nuñez Maldonado. As súas composicións poéticas están recolleitas nos vellos cancioneiros. Morreu en 1295 a mans de Roi Pérez Tenorio nunha devesa de Ciudad Rodrigo. A división social da vila materialízase no casco histórico rianxeiro :

Zona pobre de mariñeiros-productores en torno á placiña, Zona noble-privilexiada-rica en torno á praza da Igrexa.

Na Baixa Idade Media o señorío de Rianxo estivo en poder dos Chariño ata despois das Guerras Irmandiñas, (servos contra señores feudais, que tivo como consecuencia o derrubamento da torre templaria), cando, tras longos pleitos, foi outorgado á Mitra Compostelana (1532).

Consérvase un único xacemento da Idade Media: a fortaleza de Punta do Pazo (coñecida tamén como Castelo da Lúa). Localízase no litoral da Ría de Arousa, nun promontorio rochoso orientado ó NO, cerrando o estuario formado pola desembocadura do río Te na ría de Arousa.

A documentación escrita indica que foi erixida, probablemente no século XIII, por Paio Gómez Charino; derrubada polos Irmandiños en torno a 1465 e reedificada de novo por Suero Gómez de Soutomaior, bisneto do anterior. As noticias conservadas sinalan o 1480 como o ano en que é novamente derrubada polo gobernador real Fernando Acuña.

Os traballos arqueolóxicos desenvolvidos no verán de 2001, e dirixidos por A. Bonilla Rodríguez permiten afirmar que a construcción tiña pranta rectangular cunha muralla exterior, hoxe desaparecida, reforzada ó S por un foso, e unha segunda muralla que delimitaba o recinto interno, presidido por unha torre central complementada por dous baluartes laterais e unha zona posterior adicada ás dependencias comúns e servicios do castelo.