Rafael Dieste

Rafael Dieste - O Mar Feito Tradición

Rafael Dieste

O 29 de xaneiro de 1889 nacía na rúa de Abaixo de Rianxo Rafael Dieste Gonçalvez. Periodista, escritor, poeta, dramaturgo, ensaísta, editor, crítico de arte... Poucos ámbitos do coñecemento humano escaparon á súa curiosidade e caracterizouse por manter, ó longo de toda a súa vida, unha coherencia ética e intelectual paradigmática na historia contemporánea da Galiza.

Na súa adolescencia emigrou a México. De volta á Galiza exerceu como xornalista colaborando con Faro de Vigo, El Pueblo Gallego e Galicia. Participou na experiencia de educación popular máis ambiciosa nunca realizada en España, as Misións Pedagóxicas, das que foi xefe de equipo e creador-director de Teatro Guiñol de Misiones, para o que escribiu numerosas farsas. Durante o seu labor neste proxecto coñece a Carmen Muñoz Manzano, cacereña, inspectora de Primeira Ensinanza e Misioneira, coa que casaría pouco despois. En 1935, e a través dunha beca, os problemas do teatro en Francia e Bélxica.

En plena Guerra Civil, o matrimonio Dieste asume un compromiso activo coa causa republicana, materializado, entre outros ámbitos, na súa participación na organización e actividades da Alianza de Escritores Antifascistas. Neste periodo Rafael é nomeado director de Teatro Español de Madrid; funda, xunto con Sánchez Barbudo e Gil Albert, a revista Hora de España. Dirixe a publicación Nova Galicia e funda as revistas El mono azul e El buque rojo. En 1938 incorpórase á fronte do Leste onde, xunto con Sánchez Barbudo, é redactor da revista El combatiente del Este.

Rematada a Guerra, pasa un breve periodo nun campo de concentración francés do que sae para exiliarse, xunto con Carmen (convalecente nun hospital francés por mor das feridas que lle ocasionou o bombardeo de Figueres) en Bos Aires, vía Montevideo (onde reside o seu irmán, Eduardo). Nesta primeira estancia na Axentina desenvolve unha intensa actividade editorial, vencellado a proxectos como Atlántida, Emece, e revistas como Correo Literario, nos que tamén se atopan presentes Luis Seoane, o seu grande amigo, Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela, etc. Entre 1949 e 1952 foi lector de español en Cambridge e, no 1953 incorpórase ó Instituto Tecnolóxico de Monterrei (México) como profesor de Lingua e Literatura Española. No 1955 retorna o matrimonio Dieste a Bos Aires, dando así inicio á segunda etapa bonaerense no exilio, que durará ata o seu retorno a Galicia, no 1961, e que se caracteriza pola continuación do traballo editorial e a participación en actividades de carácter cultural íntimamente vencelladas coa Terra (colabora na posta en marcha do proxecto Sargadelos, o Laboratorio de Formas de Galicia e o Museo Carlos Maside, iniciativas de Isaac Díaz Pardo; participa en AGUEA, Agrupación Galega de Universitarios, Escritores e Artistas, fundada en Bos Aires por Ramón Baltar, etc.).

En agosto do 1961 regresan definitivamente a Galicia, establecendo a súa residencia en Rianxo e A Coruña. No 1970 Rafael Dieste ingresa como membro na Real Academia Galega da Lingua, co discurso A vontade de estilo na fala popular contestado por Domingo García Sabell. Morre Rafael Dieste en Rianxo, víctima dun accidente doméstico, o 15 de outubro do 1981.

Publicou, entre outras, as seguintes obras: En teatro: A fiestra valdeira (Santiago 1927), Viaje y fin de Don Frontan (Vilagarcía 1930), Quebranto de Doña Luparia y otras farsas (Madrid 1939), Viaje, duelo y perdición (Bos Aires 1945), Teatro I e Teatro II (Barcelona 1981, edición a cargo de Manuel Aznar Soler).

En poesía: Rojo farol amante (Madrid 1933), así como unha morea de poemas non recollidos en libro.

En narrativa: Dos arquivos do trasno: contos do monte e do mar (Vigo 1926), Historias e invenciones de Felix Muriel (Bos Aires 1943), así como unha gran cantidade de relatos non recollidos en libro.

Como ensaios e tratados: La vieja piel de mundo: sobre el origen de la tragedia y la figura de la historia (Madrid 1936), Luchas con el desconfiado (Bos Aires 1948), Nuevo tratado del paralelismo (Bos Aires 1956), Pequena clave ortográfica (Bos Aires 1956), Diálogo de Manuel y David (Vigo 1965), Qué es un axioma?: Movilidad y semejanza (Vigo 1967), A vontade de estilo na fala popular: Discurso lido o día 18 de abril de 1970 na súa recepción pública... (A Coruña 1971), Testamento geométrico: Introducción a Euclides, Lobatchevski y Riemann. Los movimientos de Geometría. Tres demostraciones del V Postulado (A Coruña 1975), El alma y el espejo (Madrid, 1981), La isla: Tablas de un naufragio (Barcelona, Antrophos, 1985).

En periodismo: Entre a terra e o ceo: prosas de mocedade 1925-1927 (A Coruña 1981; edición a cargo de Manuel Aznar Soler).

Outras obras: Testimonio y Homenajes (Barcelona 1983), Encontros e vieiros: Once charlas sobre plástica, teatro e literatura (A Coruña 1990; edición a cargo de Arturo Casas), Guerra literaria (A Coruña, edición a cargo de Claudio Rodríguez Fer), Obra Galega Completa (Vigo 1995, edición a cargo de Xosé Luis Axeitos).