Pazos Pazos

Por "pazo" coñécese á casa señorial galega, residencia de nobles e fidalgos, polo que adoitan conter elementos heráldicos e relixiosos. Tamén se estende a definición a casas grandes, dende residencias de campesiños moi acomodados ata os máis luxosos palacios. Son característicos dos séculos XVII e XVIII e en moitas ocasións adaptacións de antigas construccións defensivas, polo que é común que presenten almenas ou torreóns.
Pazo de Martelo

Pazo urbán de estilo barroco situado no núcleo da vila a carón da Igrexa Parroquial de Santa Comba. O edificio actual non corresponde co orixinal, do século XVII, que incluía unha torre de tres plantas, ó parecer a única construcción inicial, do século XV, propiedade de Paio Gómez de Soutomaior, "O Chariño", que despois foi ampliada sobre as casas circundantes.

Actualmente presenta unha planta case rectangular, xa que unha esquina pertence a outro edificio. A riqueza do conxunto atópase nas dúas fachadas. A que da cara a Praza da Igrexa, a principal, destaca pola fermosa balconada de pedra que ocupa toda a fronte, sostida por grandes ménsulas de cantería, igual cós balaústres de traza barroca. A cornixa presenta catro gárgolas de pedra e complétase o conxunto con 6 portas e dous brasóns, un en cada estremo.

A fachada posterior, en desnivel, da cara un calexón (o "Calexón do Xudío"); conta con catro balcóns de ferro forxado e elementos decorativos moldurando os arcos das fiestras e a cornixa. Presenta tamén un brasón con coroa de marqués e emblemas dos Varela, Figueroa, Andrade e Soutomaior, ningunha delas representativa do primeiro señor da casa, don Paio Gómez Chariño de Soutomaior, militar e poeta.

A fachada que da á rúa contén unha galería recente. A cuberta é de tella curva e a catro augas dominada por unha lumieira que da luz ás escaleiras de pedra no interior.

O edificio foi declarado Monumento Histórico-Artístico en 1973 e rehabilitado polo Concello en 1983 para a Biblioteca Pública Castelao.

Castelo da Lúa

Mesmo na desembocadura do río Te, preto do lugar do Pazo, atópase este xacemento, o único conservado da Idade Media. Situado no contorno do Paseo Marítimo da Torre, está preto da praia do Pazo e no mesmo promontorio está construído o Porto do Pazo.

A documentación escrita indica que foi erixida, probablemente no século XIII, por Paio Gómez Charino, derrubada polos Irmandiños en torno a 1465 e reedificada de novo por Suero Gómez de Soutomaior, bisneto do anterior. As noticias conservadas sinalan o 1480 como o ano en que é novamente derrubada polo gobernador real Fernando Acuña.

Os traballos arqueolóxicos desenvolvidos no verán de 2001, e dirixidos por A. Bonilla Rodríguez, permiten afirmar que a construción tiña planta rectangular cunha muralla exterior, hoxe desaparecida, reforzada ao sur por un foxo, e unha segunda muralla que delimitaba o recinto interno, presidido por unha torre central complementada por dous baluartes laterais e unha zona posterior adicada ás dependencias comúns e servizos do castelo.

Na actualidade foi escavado e está proxectada a súa posta en valor.

Pazo dos Viturro de Rianxiño

Pazo barroco ubicado no lugar de Rianxiño, próximo a Rianxo, que data do ano 1740. A planta orixinal tiña forma de "L" con ás de dimensións semellantes. Outro corpo independente anexado ó edificio conforma xunto con este un patio en forma de "U". No patio está a escaleira de pedra que da acceso á primeira planta e á balaustrada de pedra, e conta con peitoril macizo de canteiría. Hai tres piares de canteiría que soportan a cuberta. No baixo configúrase un soportal corrido que desemboca nun lateral nun arco de medio punto. No interior do edificio consérvase unha lareira.

A cuberta é de tella do país a tres e catro augas. Os muros son combinados de canteiría e cachotería, recebada e caleada nalgúns entrepanos. A finca conta cunha grande extensión, onde recentemente foron construídos outros elementos e algunha construcción adicional, así coma o pazo foi tamén restaurado. A carón do pazo atópase un hórreo de grandes dimensións.

Pertenceu orixinariamente á familia Pose, orixinaria de Noia, e na actualidade foi adquirido e restaurado para albergar o Centro Pastoral Mª Ana Mogas pola comunidade de relixiosas franciscanas.

Pazo dos Torrado de Brión

O lugar de Brión conta con este impresionante pazo que ocupa gran parte do núcleo rural. Data do século XVII con reconstrucción no XVIII e é de estilo barroco. Confórmano dous corpos en ángulo que dan lugar a un patio de forma irregular. O patio péchase coa Capela dos desamparados que formaba parte do pazo. Fabricado en pedra, deixando á vista perpiaños irregulares de bo tamaño, e cuberto de tella curva, consta de dúas plantas, a inferior utilizada para diversos usos e a superior que conformaba a amplia vivenda. A vivenda consta de mútiples estancias entre as que destacan a cociña e a enorme lareira, con dous fornos; dúas sás, a galería, un antigo retrete, e o sótano, onde se conserva unha prensa para facer o mosto.

O portalón de acceso á finca presenta tres cruces de pedra e catro pináculos a modo de ameas sobre o dintel, sendo estes os únicos elementos decorativos de toda a estructura. Destacan no exterior un cuberto cun lagar en bo estado de conservación, unha fonte no xardín posterior, a robusta cheminea e o hórreo. O escudo da liñaxe dos señores do pazo está situado na capela; a serea corresponde ós mariño, e o brasón que apreixa é o dos Torrado, donos tamén do Pazo de Asadelos.

Na actualidade está prácticamente abandonado, pero é atendido polos veciños do lugar.

Pazo dos Torrado de Asadelos

Preto da Igrexa de Asados a familia dos Torrado construiu en 1540 este pazo barroco con planta en forma de "L" con brazos de desigual lonxitude e dúas alturas; suponse que o brazo máis curto puido ser a antiga torre. A solaina, situada no patio na intersección dos dous corpos da acceso ó piso superior a través de dúas escaleiras en cada extremo con peitoril macizo de canteiría adornado; está cuberta por un tellado soportado por piares.

No interior da planta alta, a vivenda, hai dúas sás grandes, varios cuartos pequenos e unha cociña con boa lareira. O grosor do muro da lugar a parladoiros, aberturas no muro con asentos a ambos lados.

O portalón de entrada presenta dintel con escudo de pedra, e no patio está o brasón dos Torrado coa serea dos Mariño. Destaca na fachada a gran cheminea e os balcóns de ferro.

Pazo dos Calote

Este fermoso pazo do lugar da Capela, na parroquia do Araño, foi restaurado recentemente para albergar un negocio de eventos e restauración. A fachada está formada por catro arcos de medio punto e un carpanel sobre columnas toscanas, enriba dos que se alza unha balcoada con balaustrada de pedra. A fábrica é de canteiría maiormente, anque con partes de cachotería.

Foi construido en 1628. Conta cun brasón da Casa de Soutomaior e de Xunqueiras. En 1630 foi construida na mesma finca, por orde de don Juan de Santiago Figueroa, canónigo da catedral de Santiago, unha capela pertencente ós mesmos señores e que da lugar ó topónimo do lugar. Cóntase no lugar que existe un pasadizo subterráneo que o une coa igrexa.
Pazo de Baltar

Pazo de finais do XIX ou principios do XX de estilo que semella colonial, pertencente á familia dos Baltar. O recinto abranguía o Dique de Tanxil e unha parte da Praia de Tanxil, pero actualmente estas propiedades pasaron a dominio público. Tamén dentro do recinto se atopaba, sobre o dique, a escultura da Virxe de Guadalupe de Asorey.