Miradores Miradores

A sinuosa orografía rianxeira permite a existencia de privilexiados miradores naturais, tanto de montaña coma costeiros, que permiten observar o Concello dende perspectivas privilexiadas e tamén abranguir impresionantes vistas de terras lonxanas.
Pico Muralla

O punto máis alto e septentrional do Concello, a 678 metros de altura, e agora inmerso no parque eólico de Rianxo. Pódese acceder dende o Araño ou dende Burés; hai pista asfaltada ata a coñecida coma "a Pedra dos Concellos", punto onde se dividen os concellos de Rianxo, Lousame, Rois e Dodro. Dende alí pódese ascender polas novas pistas de terra do parque eólico, pero hai que ter en conta que presentan unhas pendentes moi fortes e non tódolos vehículos poderían ascender por elas.

En días claros pódese observar a totalidade da Ría de Arousa, tanto a costa norte (Boiro, Pobra, Riveira) coma a costa sur (Vilagarcía, a Illa de Arousa...), a Ría de Muros e Noia (Noia, Muros, Monte Louro...), Santiago de Compostela, a Ría de Pontevedra, e ata preto de Meirama.

En días excepcionalmente claros, é posible divisar as torres da catedral de Santiago de Compostela e incluso as Illas Cíes, na bocana da Ría de Vigo, e inda máis alá, ata preto da costa portuguesa.

No entorno pódense atopar curiosas fragas de árbores tupidas e sen monte baixo, ademáis de multitude de animais en liberdade: cabalos, vacas e cabuxas.

Castro Barbudo

O punto máis alto da parroquia de Taragoña, ofrece unha impresionante vista da ría e do val do río Té gracias á súa proximidade ó mar. O acceso é sinxelo, xa que se pode acceder en coche ata o lugar de Ourille, preto de onde se colle a pista forestal que sube ó monte.

Non está clara a existencia dun Castro no monte xa que non se atopan restos claros.

Monte da Pena

Mirador situado entre Rianxo, Leiro e Asados dende onde se pode observar o val do río Té (Araño, Asados e Rianxo) e a desembocadura do Ulla (Leiro).

Monte Quintáns

Situado na parroquia de Isorna á beira do río Ulla. Ofrece unhas vistas magníficas do río Ulla e Catoira. O acceso é difícil; pódese facer a través dun cortalumes dende o monte Palleiro, ou dende pistas forestais dende Isorna ou Rial, pero actualmente o monte atópase invadido polo toxo, facendo difícil o movemento por el.

Atópase neste monte o Castro das Cercas, o mellor conservado do Concello.

Alto do Castro

Aos pés do Castro de Bexo, accédese por pista asfaltada dende o alto da Paradegua hacia Teaio. Ofrece unha vista total do val do río Té.