Mámoas Mámoas

As mámoas conforman os achados máis importantes da cultura megalítica. Penetran na Península Ibérica no V milenio e en Galicia dende Portugal, e esténdese ata o 2100 a. de C.

As mámoas consisten nun amontoamento de terra e pedras (túmulo) que acollen un ou varios enterramentos. No centro da mámoa, a anta ou cámara funeraria, componse dun dolmen, estrutura ovalada de grandes pedras que forman unha cámara no interior do túmulo.

As mámoas poden presentar un corredor de acceso, de forma que se pode acceder ao interior da cámara dende o exterior a través do túmulo. Tanto na anta coma no corredor é habitual atopar restos de aparellos e ferramentas, vaixelas e outros restos.

As mámoas adoitan localizarse en grupos, formando unha gran necrópole, e en lugares visibles, normalmente lonxe de terreos de cultivo, polo que se cre que poderían delimitar o territorio dunha comunidade.

O aspecto externo dunha mámoa non escavada non é máis ca un gran amontoamento de terra e vexetación, normalmente sobre uns 20 metros de diámetro, pero acostuma a se distinguir dun accidente propio do terreo. Moitas mámoas están profanadas, normalmente a través dunha escavación dende a parte superior do túmulo que adoita ser visible a simple vista.

Nesta sección destacaremos algunhas das necrópoles do concello, aínda que en ocasións aparecen túmulos solitarios. Non todas están escavadas ou sequera profanadas, polo que en moitos casos só se observan amontoamentos de terra e vexetación. Incluso as escavadas son en ocasións dificiles de ver ou acceder debido á altura do toxo que as cubre.

Algúns datos e imaxes foron obtidos de Brigantium, Boletín do Museu Arqueolóxico e Histórico da Coruña, volume 7, anos 1991/92.

Os Campiños

É o grupo máis recomendable para a súa visita, xa que algunhas das mámoas foron escavadas. Accédese dende Somoza ou da igrexa de Leiro, subindo pola pista asfaltada ata que pasa por baixo da vía rápida. Nese punto, cóllese unha pista forestal paralela á vía rápida, e na primeira bifurcación cóllese a segunda pista á dereita, en dirección a Isorna. Os túmulos distribúense a ambos lados do camiño a escasos 50 m do inicio da pista. Hai varias escavadas, pero a máis visible é a última a man dereita, que constitúe, ademáis, o túmulo máis grande. Anque está cuberta de vexetación, non é difícil acceder ata o cumio dende o lado oposto ao camiño. Dende alí pódese observar a anta reconstruída na escavación.

Guía da visita á Necrópole dos Campiños

Monte Picoto

Dous grupos de mámoas situados no Alto da Paradegua. Dende a estrada C550 cara a Padrón, no punto máis alto, onde se dividen os concellos de Rianxo e Dodro, á man dereita accédese a unha pista. As primeiras cinco mámoas están á man esquerda, nada máis entrar na pista, e 250 metros máis abaixo, á man dereita, atópanse tres máis.

Algúns destes túmulos están deteriorados ou destruídos por causa da construcción da pista forestal. Un deles presenta un burato de violación moi amplo, de forma que se pode apreciar a cámara.

A Vacariza
Este grupo de mámoas sitúase preto da saída cara á Catoira dende a vía rápida, á man dereita. É unha colección de varios túmulos.
Monte da Pena
Un dos grupos sitúase preto da vía rápida no seu punto máis alto ao seu paso polo Monte da Pelotiña. O outro grupo sitúase na ladeira oeste do Monte da Pena, ascendendo por unha pista dende o lugar do Barral.
Cuncha Vieira
Este grupo de mámoas sitúase 700 m ao surleste do grupo de mámoas dos Campiños. Trátase de mámoas moi cubertas pola vexetación entre as que destaca un túmulo de gran tamaño.