Hórreos Hórreos

O hórreo ou graneira é un graneiro especializado adicado á cura, almaceamento e conservación das colleitas de cereais. Pero o hórreo era tamén o exponente da capacidade productiva dos propietarios, ademáis dun elemento imprescindible da casa labrega.

A orixe do hórreo sitúase probablemente no neolítico, datando a primeira referencia escrita do século I a. de C. A partires do século XVII, coa chegada do millo dende américa, o hórreo foise alongando e transformando no que coñecemos hoxe en día. A súa etapa de maior explendor comprende os séculos XVIII e XIX.

O hórreo componse dunha base asentada nunha soleira (lousa ou estructura de apoio); esta base pode estar formada por pés (columnas), cepas (muros transversais) ou celeiro (muro arredor do perímetro), ou combinacións de varios. A base coróase con rateiras ou tornaratos que impiden o acceso ós roedores. Sobre a base, a estructura da cámara consta de grades (vigas sobre a base), piso, columnas, penais (paredes dos extremos), costais (paredes leterais) e pinches (dinteis). O peche pode ser de madeira ou pedra (ou ladrillo máis recentemente) e pode prescindir das columnas, e presenta ranuras de ventilación. A cuberta, a dúas augas normalmente, soe ser de tella, soportada por tixeiras (vigas transversais), cima ou cume (viga lonxitudinal), beiril ou cornixa (transversal sobre o peche dos costais) e rematando a cuberta nos extremos a sobrepena (ausente se o tellado desborda os extremos) coroada por pináculos, cruces e outros elementos decorativos.

Horreo do Araño

É o hórreo máis longo de toda Galicia (36'75 metros a cámara e 37'05 m o celeiro), e o de máis capacidade se sumamos as capacidades da cámara (109'31 m3)e o celeiro (59'09 m3). A base está conformada polo celeiro de cachotería con rachas, e leva apegadas as escaleiras de acceso. O tornarratos é corrido, prolongación do chan da cámara, de canteiría. A cámara péchase con perpiaños horizontais en ringleira e non se marcan as columnas. Leva sopena baixo o beiril, e as sobrepenas rematan en cruces flanqueadas por pináculos de bolas

Hórreo do Pazo de Rianxiño

Situado no recinto do Pazo de Viturro, en Rianxiño, destaca pola súa monumentalidade. É de canteiría; sopórtase en catorce cepas prismáticas lisas, algunhas aproveitadas para un celeiro posiblemente posterior. O tornarratos é corrido, e a cámara péchase con fiadas horizontais de canteiría. É peculiar a disposición entrelazada dos perpiaños, en contra da habitual, marcando ademáis as columnas con rendixas verticais. Cóbrese a dúas augas con lousas de canteiría, e remátanse as sobrepenas con pináculos moldurados. Presenta unha lonxitude total de 24'70 metros, e data de 1920.

Campo das Graneiras

No lugar de Meiquiz, na parroquia de Leiro, atópase un peculiar terreo común destinado exclusivamente á localización de hórreos, o Campo das Graneiras, consistindo esta nunha das maiores concentracións de hórreos de Galicia.

Hórreo da Marquesa

No lugar da Marquesa, na parroquia de Asados, atópase un fermoso exemplar do século XIX. Aséntase sobre soleira maciza de cachetería con rachas e escaleira de acceso. Sopórtase sobre catro cepas prismáticas torneadas na parte superior. O tornarratos é corrido. A cámara, de tres claros, péchase nos penais e extremos dos costais con pezas horizontais de canteiría con regandixas. Os tramos de madeira resólvense con balaústres verticais de madeira con dúas faixas (travesas). Presenta unha fermosa cornixa moldurada e voada. As sobrepenas son quebradas e xeométricas, con perfís moi marcados, ó igual cós pináculos, con bolas e fortemente xeoetrizados. Os pinches decóranse tamén con círculos e placas recortadas que lembran ó barroco galego.

Reitoral de Isorna

Na reitoral de Isorna, en Sestelo, forma parte do conxunto conformado pola Igrexa, o Muíño e o pombal.

É un hórreo estreito e longo, de 24'50 por 1'70 metros. Foi construído en 1805 polo párroco D. Ignacio Cervela. Aséntase en catorce cepas prismáticas de canteiría con tornarratos corrido. Péchase con fiadas horizontais dispostas verticalmente. Cóbrese a dúas augas con tella do país. Remátanse os penais coas sobrepenas decoradas con cruces flanqueadas por pináculos.

Hórreo de Brión

No medio da aldea no lugar de Brión sitúase este tosco hórreo que sufriu varias ampliacións e modificacións visibles.

Casa do Coxo

Pequeno hórreo situado no patio traseiro da Casa do Coxo, en pleno cetro urbán. Consta de 3 pares de pés e dous corpos con tornarratos en cada pé; corpo de pedra e pinche sen diferenciación do penal e tellado de tella a dúas augas con sobrepena con suaves aleiros, rematado con pináculo e cruz, flanqueados por outros pináculos menores.