Breve biografía de Castelao

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao naceu en Cabo da Vila (Rianxo) o 29 de xaneiro de 1886. Cursou na súa vila natal os primeiros estudios, pero en 1896 el e maila súa nai trasladáronse á Arxentina onde o seu pai estaba emigrado, voltando a Galicia catro anos despois. Realizou o bacharelato con clases adicionais de debuxo e despois a carreira de Mediciña na Universidade Compostelana, estudios que remataría no ano 1909, pero que exercería por pouco tempo ("fíxenme médico por amor ó meu pai e non exercín por amor á humanidade").

En 1923 incorporouse á Liga agraria de Acción Galega, e tamén por esas datas intégrase nas Irmandades da Fala, quedando vencellado ao neonato movemento nacionalista galego, do que nunca se arredaría. A notoriedade de Castelao reforzouse co espectacular éxito acadado pola exposición Nós celebrada en 1920.

En 1923 ingresou no Seminario de Estudos Galegos, cadrando a súa entrada coa adicación, cada vez máis importante, ao estudio de aspectos derivados da etnografía galega e da arte popular.

A súa popularidade medrou durante a ditadura de Primo de Rivera, tanto nos medios políticos coma entre o pobo, pero as súas críticas estiveron a piques de custarlle o desterro. A pesares da súa disonancia de fondo co réxime, colaborou coa Deputación de Pontevedra. Formou parte do grupo galeguista integrado na Administración de Daniel De La Sota, da que xurdiron institucións de longa vida, caso da Misión Biolóxica de Galicia ou do Museo de Pontevedra.

No ano 1926 foi nomeado Membro Numerario da Real Academia Galega. Cinco anos máis tarde, no 1931, encabezou a candidatura galeguista da provincia de Pontevedra nas eleccións ás Cortes Constituíntes da II República. Foi elixido deputado e as súas intervencións como parlamentario acadaron un eco moi importante na prensa madrileña da época. Nese mesmo ano impulsou a fundación do Partido Galeguista. A campaña en contra de Lerroux que levou a cabo fixo que o Governo decidise o seu traslado administrativo a Badaxoz. Sería o seu primeiro desterro.

Nas eleccións de 1936 foi o candidato máis votado da Frente Popular na provincia de Pontevedra e foi tamén a persoa que maís loitou a prol do Estatuto de Autonomía de Galiza, plebiscitado en xullo do mesmo ano, e contra os manexos urdidos cara este. A Guerra Civil alcanzouno en Madrid e tanto dende aquí como dende Valencia (cidade onde debuxou as estampas de Galiza Mártir, que darían a volta ó mundo) puxo todo o seu prestixio ao servizo da República. A derrota definitiva do bando republicano sorprendeuno en América, en pésima situación económica e cos problemas da cegueira que viña arrastrando dende facía tempo.

Un ano despois, en 1940, trasladouse a Bos Aires, onde presidiu os derradeiros meses do Partido Galeguista. Residiu durante longo tempo nesta capital, sen deixar de loitar polos seus ideais.

No ano 1943 rematou a obra Co pensamento en Galiza , título orixinario do que había de ser Sempre en Galiza, libro fundamental para comprender a evolución do seu pensamento político. Un ano máis tarde constituíuse o Consello de Galicia, do que sería Presidente.

Por presións aceptou ser ministro de carteira do gabinete Giral (goberno republicano no exilio), polo que se tivo que trasladar a París, para voltar ao pouco tempo a Bos Aires decepcionado con esta experiencia por mor da crise de goberno que el entendeu como o remate do republicanismo. Tres anos despois da súa volta, o 7 de xaneiro de 1950, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao finou no Sanatorio do Centro Galego de Bos Aires, vitima dun cancro de pulmón. Os seus restos foron enterrados no mausoleo do Centro Galego, no ceminterio de A Cacharita, e alí repousaron ata 1984, ano en que foron retornados a Galicia para descansar definitivamente no Panteón de Galegos Ilustres, en Santo Domingo de Bonaval, Santiago de Compostela.

Durante toda a súa vida debuxou e pintou, deu conferencias, apoiou iniciativas culturais, colaborou en infinidade de xornais e revistas, e a lista de premios que lle foron concedidos é innumerábel. A súa obra creativa podémola dividir en catro apartados: Obra gráfica, Escritos sobre arte, Obra literaria e Escritos políticos.

Polo que respecta á obra gráfica son resaltabeis:

  • Cousas da vida
  • Cincuenta homes por dez reás
  • Album Nós
  • Galiza mártir
  • Atila en Galiza
  • Milicianos
  • Debuxos de Negros

Da súa producción literaria cabe citar:

  • Un ollo de Vidro
  • Cousas
  • Retrincos
  • Os vellos non deben namorarse

Algúns dos seus escritos políticos:

 

  • Sempre en Galiza
  • Discursos parlamentarios
  • O Estatuto de Galiza. Antecedentes e comentarios

Sobre arte:

  • As cruces de pedra na Galiza
  • As cruces de pedra na Bretaña
  • O galeguismo no arte
  • Arte e galeguismo.