Capelas e Ermidas Capelas e Ermidas

Capela de Guadalupe

No núcleo urbán de Rianxo, este templo consta dunha pequena nave e outro corpo onde se ubica o altar maior. A nave ten arcos e bóveda apuntados e o altar de crucería. No altar hai un valioso retablo e presenta coro na nave. A cuberta é de tella a dúas augas.

A fachada anterior contén a porta principal con xambas e dintel moi decorados, frontón triangular con imaxe da Virxe, dous escudos laterais, rosetón e espadaña con dúas campás.

Foi fundada en 1671 por Alonso Fernández de Bastón sobre un templo anterior denominado de Nosa Señora da Cruz.

Dende 1854 contén a imaxe da Virxe de Guadalupe rianxeira, que da lugar ás maiores festas do Concello.

Capela dos Desamparados

Esta pequena capela sitúase á beira do recinto do Pazo dos Torrado de Brión, do que formaba parte. Foi fundada por D. Diego Manuel Torrado en 1783 co motivo da súa coxeira, que o impedía asistir ós actos relixiosos na Igrexa Parroquial de Leiro.

A capela presenta planta rectangular con dúas entradas, unha delas dende o recinto do pazo. Nun lateral engadiuse anos máis tarde a sacristía. Os muros son de cachotería, agás a fachada principal que é de canteiría. O interior cóbrese cunha bóveda de canón rebaixada.

Presenta un pequeno coro de madeira ó que antigamente se accedía por escaleira exterior de pedra. Actualmente ten escada interior de madeira. A fachada principal presenta sinxela porta sen decoración e un pequeno oco de iluminación, entre os que se atopa o escudo da familia. A cuberta é a dúas augas, de tella curva do país.

San Xosé da Floresta

Situado en Rianxiño, consta de nave con teito de madeira, altar maior con bóveda de canón e sacristía lateral engadida con posterioridade á construcción e tribuna de madeira. A cuberta é de tella a tres augas. A fachada, apenas ornamentada, presenta campanil e os escudos da familia. Foi construída en 1644 por orde de Xacinto Varela Becerra Sotomayor.

San Xoan Bautista
Pertencía antigamente ó Pazo dos Caamaño, xa desaparecido. Actualmente é de propiedade particular. Confórmase dun único corpo con bóveda de canón. A cuberta é de tella a dúas augas. Foi reconstruída probablemente sobre unha ermida anterior no ano 1625.
Capela do Pazo dos Calote

Recentemente restaurada, da lugar ao topónimo de A Capela, en Araño. Pertenceu ó Pazo dos Calote. É unha construcción relativamente grande, de 17,80 metros de longo e 11,60 de ancho. Consta de nave con bóveda de canón de catro tramos e arcos de medio punto e sacristía lateral con bóveda de canón. Os muros presentan grandes contrafortes exteriores. Data probablemente do século XVII.

Capela dos Milagres

Pequena capela situada preto da Igrexa do Araño que contén unha imaxe da Virxe das Milagres, a cal é venerada nas Festas das Milagres que son as festas grandes do verán en Araño, a principios de agosto.

Ermida de San Pedro

Preto do lugar de Vilas, no medio do monte, atópase a rústica capela de San Pedro, rodeada dunha fraga de piñeiros nun entorno agreste na que anualmente se celebra a Romaría do San Pedro de Vilas. Con apenas 10 metros de lonxitude, consta de dous corpos para nave e altar comunicados por arco de medio punto moi deformado. O teito é de madeira e presenta tribuna tamén de madeira.

Foi reconstruido no ano 1671, polo que a súa orixe debe ser moi antiga.

Ermida de Santa Lucía

Situado no parque de Santa Lucía en Asados, esta ermida consta de nave única con teito de madeira na parte anterior e bóveda de canón na parte posterior, cunha sacristía lateral. Data probablemente do século XVII a parte posterior orixinal, sendo a parte anterior e a sacristía ampliacións moi posteriores. A Romaría da Santa Lucía ten lugar na ermida e entorno o 13 de decembro

Capela de San Xoán

No lugar da Ermida, en Araño, atópase esta fermosa ermida de cachotería do século XVII. Preto do lugar atópase o cruceiro de San Xoán e na segunda quincena de xuño celébrase a romaría de San Xoán.

O lugar está situado ó fondo do val do río Te, ós pés dos montes que dan fin ó val, o que permite un dominio visual de todo o val do Te.

Ermida de San Bartomeu

Esta ermida estaba orixinalmente ubicada nunha illa que posteriormente foi unida a terra, e actualmente atópase en plena explanada do porto de Rianxo. Foi restaurada recentemente. É moi sinxela, feita en cachotería, de nave única sen divisións e con campanil. Nela celébrase a romaría de San Bartolomeu, tamén chamada festa do turista pasado mediados de agosto.